As máis de 170.000 Compostelas entregadas este ano auguran un Xacobeo-22 pleno


O vicepresidente primeiro da Xunta salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a superación no día de hoxe de máis de 170.000 Compostelas entregadas este ano confirma a reactivación do Camiño de Santiago como destino seguro e augura un Xacobeo pleno no 2022.

 Nunha comparecencia na que Alfonso Rueda informou do balance da temporada turística e das previsións para o 2022, o vicepresidente primeiro fixo gala dos datos que colocaron á comunidade autónoma como a terceira en recuperación de viaxeiros e a segunda con maior recuperación da demanda hoteleira, con máis de 3,2 millóns de viaxeiros e 7,1 millóns de noites rexistradas. Estas cifras, xunto coas rexistradas no Camiño, confirman que “Galicia está de moda” e que a mensaxe de Galicia como destino seguro “prendeu entre os visitantes”. Deste xeito, no mes de agosto acadáronse niveis de ocupación similares aos da prepandemia: “Recuperamos neste período case o 98% da demanda turística”, indicou Rueda.  

O vicepresidente primeiro salientou na Cámara galega as axudas que o Goberno galego puxo a disposición do sector. As axudas por valor de 120 millóns de euros no turismo ou a colaboración coas entidades locais para o pago dos 2,5 millóns, que destinaron a máis de 2.400 locais de hostalería, permitiron que o tecido empresarial chegara á recuperación fornecido. Alfonso Rueda quixo facer un recoñecemento expreso ao sector turístico galego “pola súa paciencia, sacrificio e boa disposición” e polo seu traballo de adaptación.

Xunto co plan de choque dotado con 35,7 millóns, dirixido de xeito específico ao turismo, Rueda salientou as achegas para equipamento poscovid, melloras dos establecementos turísticos, axencias de viaxes, hoteis, balnearios, turismo de congresos, guías turísticos ou concellos de menos de 10.000 habitantes, sen esquecer os 8,8 millóns inxectados no ocio nocturno, que está xa en disposición de recuperar o cen por cen da súa actividade, “un síntoma máis do paulatino regreso á normalidade”, destacou.  

Ademais das axudas directas, o balance obriga a facer especial fincapé nos programas de estímulo da demanda postos en marcha pola Administración autonómica, como o bono turístico, con máis de 15.770 transaccións no que vai de ano, que se traduciron nun consumo de 3,1 millóns; ou Elixe Galicia, dirixido tamén ao consumo interno e que foi premiado en Fitur, cunha mobilización de preto de 3 millóns de euros.

En canto as previsións para o vindeiro ano, Alfonso Rueda recordou que nos Orzamentos 2022 figura unha partida de 46,6 millóns para o Plan Camiña, que ten como obxectivo principal “seguir apoiando ao tecido turístico galego de xeito que poida despegar definitivamente”.

Sostibilidade, un camiño que bota a andar

A aposta pola sostibilidade é a folla de ruta nas actuacións turísticas da Xunta. De feito, en cofinanciación co Estado, puxéronse en marcha plans específicos como o da Ribeira Sacra e o de Santiago de Compostela, que rematarán no 2022, ademais de aprobarse os de Ourense Termal e a Mariña Lucense.

Xunto a estas convocatorias ordinarias, ao abeiro dos fondos Next Generation da Unión Europea, o Goberno central publicou unha convocatoria extraordinaria de plans de sostibilidade turística que non require cofinanciación e que entre os criterios para repartir o crédito dispoñible entre as comunidades autónomas ten en conta indicadores que poden prexudicar a Galicia, de aí que a Xunta pida un reparto xusto e transparente dos fondos europeos.

En calquera caso, a Xunta comprométese a sacar “o máximo partido” dos 82 millóns de euros asignados dos fondos europeos ata o ano 2026 e que van desenvolverse en tres plans “con vocación transformadora”: o Plan litoral, dotado con 29,2 millóns, o Plan enogastronómico, con 31,7 millóns, e o Plan de vilas termais e cascos históricos, con 21,1 millóns. 

Respecto do Plan litoral, o máis avanzado de todos eles, Rueda insistiu en que os 9 proxectos que se desenvolverán cun orzamento total de 14,6 millóns foron consensuados, de aí que asistira con “perplexidade” ao feito de que, posteriormente, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo se “desvinculara” da súa avaliación conxunta. 

En todo caso, a Xunta presentará o Plan territorial que recollerá tanto as actuacións locais finalmente seleccionadas como as de cohesión que desenvolverá a comunidade autónoma, e que se centrarán en tres aspectos: rehabilitación de fachadas e recursos emblemáticos do litoral de Galicia (7,9 millóns de euros), o destino náutico para cruceiros costeiros e actividades de turismo náutico (3,1 millóns) e a posta en valor da senda litoral de Galicia (3,6 millóns).     

Un Xacobeo adaptado á pandemia e á súa ampliación ao 2022

Polo que respecta ao Xacobeo, o vicepresidente primeiro chamou a atención sobre a necesidade que tivo a Xunta de ir adaptando a programación ás circunstancias sanitarias e á ampliación do Ano Santo ao 2022, o que obrigou a reformular o Son do Camiño ou os Concertos na Fin do Mundo. O Xacobeo Peregrinas, o programa para nenos “Vexo, veo, Xacobeo”, as actividades deportivas e a implicación das poboacións de acollida con iniciativas como Acende o Xacobeo, o Xacobeo Benvida ou O teu Xacobeo conformaron os eixos dunhas actividades programadas tendo en conta sempre as restricións e os protocolos por mor da pandemia.

A maiores, a Xunta está a investir este ano 6,1 millóns de euros en actuacións de conservación dos Camiños e 1,4 millóns en 70 actuacións para mellorar a seguridade viaria. Estas e outras melloras vanse recoller no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, que incluirá medidas de conservación, sinalización, seguridade viaria e accesibilidade das rutas, así como de sostibilidade e modernización da oferta hostaleira.

Logo da entrada en funcionamento dos albergues de Vigo (1,8M€), A Gudiña (377.000 euros) e Sobrado dos Monxes (737.000) e melloras en 28 establecementos cunha inversión de 2,4 millóns, no 2022 está previsto poñer en marcha os novos albergues de Oseira, O Saviñao e Vilasantar, ademais de construír os de Piñor (1,1M€), Ferrol (467.000 euros) e Riós (262.000), así como o primeiro albergue de peregrinos da Coruña (1,1M€) sempre que o Concello ceda a parcela e conceda os permisos.

A inversión total da Xunta no segundo ano do Xacobeo 21-22 será de 85,8 millóns de euros. Sumando a destinada no 2021, resulta un total de 171,3 millóns de euros. Alfonso Rueda laiouse de que, fronte a estas cifras, o Goberno central asignara tan só 120 millóns para os dous anos e para todas as comunidades autónomas polas que atravesa o Camiño, sen que a Xunta saiba, a estas alturas, cal vai ser a asignación para Galicia máis alá dos 22,7 millóns que se destinarán á rehabilitación de Bens de Interese Cultural (BIC). O vicepresidente primeiro lamentou tamén que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo cambiase de criterio e esixa agora que os BIC beneficiados sexan de titularidade pública, o que deixa fóra “proxectos senlleiros que tiñan aquí unha grande oportunidade”. Rueda reprochou tamén ao Goberno central que no proxecto dos Presupostos Xerais do Estado para o 2022 volvese a ignorar o Xacobeo.

A proposta da Xunta pasa por intervir en 11 monumentos BIC: o Castelo de Monterrei, o Cárcere Vello de Tui, o parque nacional Illas Atlánticas-Illa de Ons, a Torre de Hércules na Coruña, as Torres do Oeste en Catoira, a Illa de Sálvora, a Ribeira Sacra, o Castro de Santa Trega, a Ribeira do Río Lérez en Pontevedra, a musealización do Castro en Vigo e o Parque do Pasatempo en Betanzos. 

O Goberno galego tamén remitiu ao Ministerio as propostas de actuación de cohesión en materia de sostenibilidade do Camiño de Santiago, cun orzamento total de 13,1 millóns de euros: 6,5 millóns para poñer en valor o Camiño como unha experiencia segura, innovadora e tamén en familia; 3,5 millóns para facer de Galicia un destino cicloturista e 3,2 millóns para revalorizar a ruta xacobea polo mar de Arousa e polo Ulla, a coñecida como Traslatio.