As III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato contarán con 33 obradoiros

Os próximos días 21 e 22 de novembro celebraránse en Santiago de Compostela as III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, organizadas pola Fundación Artesanía de Galicia en colaboración con Galicia Calidade dependentes da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación  e dirixidas a establecer sinerxías entre artesanía, gastronomía e deseño.

A artesanía e a gastronomía son parte fundamental da cultura e da nosa identidade. Un reclamo turístico, económico e cultural que encaixan nunha perfecta maridaxe. Estas xornadas supoñen un punto de encontro entre profesionais no que se evidencia o potencial do valor da artesanía no ámbito da hostalería, da restauración e da decoración de interiores.

Nesta terceira edición contaremos coa participación de 33 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en diferentes oficios, cun programa de showcookings a cargo de chefs galegos de recoñecido prestixio, así como un espazo de coloquio sobre o papel da artesanía e do produto de proximidade no ámbito da gastronomía.  

Para asistir ós showcookings, por cuestións de aforo, é precisa a reserva previa de plaza na seguinte ligazón. Adxuntamos tamén o programa das Xornadas para que elixades onde anotarvos.