A dixitalización das explotacións agrogandeiras nas conferencias Luís Asorey




O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, inaugurou este luns o ciclo de conferencias Luís Asorey 2021 que organiza a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) coa colaboración da Deputación. Este ano, as xornadas céntranse na dixitalización do sector agrario e desenvolveranse en formato mixto -de xeito presencial no Salón de Actos da Deputación de Lugo e telemático a través da canle de Youtube da RAGC- ata o vindeiro día 24 de novembro.

García Pernas enmarcou o apoio da institución provincial ao ciclo “dentro da nosa aposta para que a inmensa riqueza medioambiental coa que contamos na provincia de Lugo sexa unha oportunidade de desenvolvemento sostible, tanto a nivel social como a nivel económico”.

O Deputado enxalzou á organización pola temática das xornadas, porque “na Deputación estamos convencidos de que dous factores esenciais para que as explotacións agrogandeiras sexan máis competitivas e sostibles, e para que gañen produtividade, son a innovación a través da transferencia de coñecementos xerados pola Universidade, e a incorporación e o uso eficiente das novas tecnoloxías”. De feito, engadiu, “esta é unha das nosas liñas de traballo dentro dos proxectos de colaboración que temos co tecido produtivo”.

En concreto, o Deputado destacou, con respecto ó sector agrario, a Granxa Experimental de Leite que a Deputación puxo en marcha hai case un ano en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela nas instalacións da Granxa Gayoso Castro, en Castro Ribeiras de Lea, “o primeiro centro público de toda Galicia que aúna actividades de formación universitaria e de investigación en torno ó sector lácteo”. A Granxa de Leite, detallou, “está dedicada á docencia, pero tamén a poñer ó servizo do sector a investigación e a innovación, aproveitando o caudal de coñecemento que crea a Universidade”.

Así mesmo, Roberto García Pernas destacou que a Deputación ten en marcha “un programa de formación e asesoramento gratuíto, que vai precisamente na liña de axudar ás pequenas e medianas e empresas, e ós autónomos, a aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para modernizar e para mellorar o seu negocio”. Trátase do programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa, no que a día de hoxe están xa apuntadas 100 empresas.

Hoxe celebrouse a conferencia inaugural a cargo do xerente de proxectos da área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais de AMTEGA, Manuel Barcón Goás, que se centrou no Contexto europeo, español e galego sobre a dixitalización e robótica.