A Deputación da Coruña destina 100.000 euros para a cesión de tres embarcacións eléctricas aos xeodestinos da provincia


A Deputación da Coruña, dentro das súas liñas de mellora da calidade e da competitividade turística, vén de abrir a convocatoria dunha axuda para a cesión de tres embarcacións eléctricas non somerxíbeis aos entes de xestión de Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Barbanza Arousa. O orzamento inclúe a posta en marcha dun proxecto piloto de ecoturismo náutico. Cada un dos seis xeodestinos da provincia poderá optar a concesión dun so barco.

"En Turismo da Deputación", explicou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, "hai tempo que traballamos na idea de poñer en marcha varios programas pilotos relacionados co turismo fluvial". "Cremos", engadiu, "que nun país como Galiza e nunha provincia como é a da Coruña, dun gran potencial fluvial, precisabamos dun proxecto deste tipo de aproveitamento dos recursos fluviais, claramente sustentábel, pois estes tres barcos estarán propulsados por enerxía absolutamente limpa".

O obxectivo da área de Turismo da Deputación é que o proxecto chegue, en vindeiras anualidades, á totalidade do territorio e que os seis xeodestinos poidan contar con cadansúa embarcación.