A Agacal impartirá na Coruña un curso sobre o etiquetado dos produtos alimentarios


A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar na Coruña un curso sobre o etiquetado dos produtos alimentarios. Celebrarase os días 29 e 30 de novembro, en horario de 16,30 a 20,30 horas, na aula 1 do edificio administrativo de Monelos.

Impartido polo Servizo de control da calidade alimentaria, a finalidade deste curso é dar a coñecer o Regulamento (UE) 1169/2011 sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor a través do etiquetado de alimentos. Ademais, tamén se abordarán as peculiaridades das etiquetas dos produtos de calidade diferenciada e os ecolóxicos. Por último, trataranse as novidades normativas publicadas recentemente que afectan a viños e bebidas espirituosas, así como a normativa de calidade do pan.

Cómpre apuntar que esta acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.