30 seminarios sobre novas tecnoloxías na segunda convocatoria do POCTEP

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local está a impartir 30 seminarios e talleres que se levarán a cabo nos próximos dous meses sobre novas tecnoloxías facilitadoras como a industria 4.0 e as smart cities. 

As actividades forman parte do proxecto Novatfe financiado con fondos europeos no marco da segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP). A Dirección Xeral de Administración Local é unha das entidades beneficiarias do programa que achegará aos concellos e administracións locais a formación necesaria para a posta en marcha de novos proxectos emprendedores,  a implantacións das tecnoloxías facilitadoras nas pequenas e medianas empresas, así como boas prácticas para as entidades locais en todo o relativo ás smart cities e a administración electrónica. 

Os seminarios e talleres realizaranse cun número reducido de asistentes co obxectivo de fomentar a participación activa e concentraranse nas zonas que forman parte das áreas de actuación do proxecto Novatfe como a Mancomunidade de O Salnés, concellos das provincias de Ourense e pontevedra e o municipio de Valença de Minho en Portugal. 

Os contidos abordarán temáticas como o uso das tecnoloxías facilitadoras -realidade aumentada, impresión en 3D, automatización avanzada e robótica, internet, das cousas, ciberseguridade industrial, big data...- para obter procesos e produtos de alto valor engadido en liña coas tendencias internacionais da fábrica intelixente e a industria 4.0, así como o desenvolvemento de novos modelos de negocio para pemes e emprendedores. 

No ámbito das administracións locais realizaranse seminarios de boas prácticas para a definición estratéxica dunha cidade intelixente e o reto que implican en concellos ou entidades locais menores de 50.000 habitantes ou as bases para establecer estratexias de innovación á súa financiación no contexto dos novos fondos Next Generation e outras axudas europeas. 

Das actividades previstas para a próxima semana destaca o seminario online Fondos Next Generation: Axudas á innovación e plan de financiamento de eixos estratéxicos nas Smart Cities e Industria 4.0, impartido polo director do Máster Universitario en Xestión de Riscos Financeiros do ICADE Business School Luis Garvía. 

O martes a Delegación Territorial da Xunta en Ourense acollerá o taller Smart Cities e Administración Local, a cargo de Iván Luis, membro do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia. Esta mesma formación levarase a cabo ao día seguinte na Delegación Territorial da Xunta en Vigo. 

Ademais, o xoves na sede da Mancomunidade de O Salnés o seminario centrarase nas Tecnoloxías de vangarda para o turismo, nunha ponencia de Manuel Meijide, de ILUX Technologies. 

Os interesados en participar poden consultar tódalas actividades na web do proxecto https://novatfe.com e no portal de Eido Local (www.eidolocal.gal).