30 aniversario da Escola Superior de Conservación e Restauración de Pontevedra

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitoua Escola Superior de Conservación e Restauración da cidade do Lérez. Coincidindo co Día do Patrimonio Mundial, o titular do departamento educativo do Goberno galego destacou a importancia das ensinanzas artísticas como canteira cultural e para a protección do rico patrimonio de Galicia.

Non en balde, esta escola é o único centro na nosa Comunidade no que se imparte o título de Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, equivalente, a todos os efectos, ao título universitario de grao. Polo tanto, o único centro público no que se especializan alumnos nestas disciplinas, en concreto nas especialidades de bens arqueolóxicos, escultóricos ou pictóricos. O centro pontevedrés cumpriu este pasado mes de outubro 30 anos de vida, o que o converte no segundo máis antigo de España na formación en conservación e restauración.

O conselleiro lembrou que o Goberno galego está a traballar no Plan Educ-Arte,  co obxectivo de dar un novo impulso ás escolas como esta de Pontevedra como centros de formación de futuros artistas e artesáns, aproveitando ademais a oportunidade que supón a década xacobea.

Oportunidade para o emprego

Neste sentido, Román Rodríguez explicou que os Orzamentos de Galicia para o ano 2022 recollen unha suba dos fondos para o patrimonio cultural do 15%, o que se traduce en 19,2M€. Este tipo de actuacións supoñen unha oportunidade de emprego para os titulados nas ensinanzas que se imparten nesta Escola Superior de Conservación e Restauración.

De feito, a Xunta de Galicia esixe sempre nos seus pregos de contratación que as restauracións en bens patrimoniais sexan realizadas por profesionais formados na materia, compromiso tamén recollido na Lei de Patrimonio Cultural. 

Nos últimos cinco anos o Goberno galego destinou para actuacións de conservación 50M€, que supuxeron a execución de máis de 750 actuacións de conservación.