25N | Quéremonos Vivas, Libres e Iguais, a campaña da Deputación de Lugo

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, presentou  a campaña Quéremonos Vivas, Libres e Iguais que lanza a Deputación de Lugo con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Loureiro adiantou que é un programa de actividades reivindicativas durante toda a semana. 

A titular de Muller e Igualdade detallou que a Deputación pon en marcha esta campaña para visibilizar esta lacra social co obxectivo de combatela entre o conxunto da sociedade da provincia. “A loita contra as violencias machistas e en favor da igualdade real entre homes e mulleres é unha política transversal na acción deste Goberno. Unha boa mostra é que temos unha área específica de Muller e Igualdade porque cremos que aínda queda moito traballo por facer”, recalcou a Deputada. Loureiro explicou que é necesario seguir con campañas dende as institucións públicas porque como “representantes institucionais, temos a obriga de redobrar os nosos esforzos na loita para erradicar a violencia machista en toda as súas formas. Ao longo destes anos déronse pasos a favor da igualdade, pero non son suficientes. Debemos ir moito máis aló”, explicou. 

Nese sentido, asegurou que a Deputación traballa con tres ferramentas clave para contribuír á erradicación da violencia machista, que son a educación, a sensibilización e a visibilización. “Só dende o coñecemento real das situacións se poden atallar os problemas, e a violencia machista é un dos maiores problemas sociais que sufrimos na sociedade actual”, indicou María Loureiro. 

I Xornada Quéremonos Vivas, Libres e Iguais

O programa organizado pola Deputación con motivo do 25N arrancou o pasado martes, 23 de novembro, coa I Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais,no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. “Un espazo para o debate e a reflexión, pero tamén para escoitar a dúas convidadas de excepción”, adiantou a Deputada. Malasmadres e a xurista Paula Fraga foron as protagonistas

O xoves, 25 de novembro,

No 25N celebrarase a quinta edición da andaina reivindicativa En Camiño contra as Violencias. “Esta é unha iniciativa que nos últimos anos organizamos co alumnado do 1º curso de Produción do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais. O propio alumnado involúcrase neste complexo traballo de planificación e preprodución coa organización de diversas actuacións e actividades”, explicou María Loureiro.  “Queremos achegar aos mozos e mozas a aquelas situacións de violencia que están moi preto de nós, máis do que nos parece, e facelos conscientes de que toda a cidadanía somos parte da solución e non só testemuñas. Por iso, son parte activa da organización deste Camiño contra as Violencias”, apuntou.

A andaina partirá ás 11:30 horas do Centro de Formación Audiovisual, situado na rúa Frei Plácido Rei Lemos, e percorrerá as principais rúas do centro de Lugo ata rematar na Praza de San Marcos.  “Queremos que os nosos veciños e veciñas se animen a participar nesta marcha para reivindicar a igualdade e clamar contra a violencia machista. Non podemos consentir que haxa mulleres, veciñas nosas, privadas dos seus dereitos e liberdades”, incidiu a Deputada de Muller e Igualdade. 

Na Praza de San Marcos, a partir das 12.00 horas, celebrarase un encontro interxeracional contra as violencias machistas. Loureiro precisou que participará un grupo de usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores da Deputación de Lugo na Fonsagrada, e nenos e nenas do CEIP de Xermade.  “Será un punto de encontro na transmisión de valores a favor da igualdade. Escoitaremos as voces de persoas que naceron noutra época e tamén a persoas novas, nenos e nenas, para que nos expoñan a súa visión”, indicou.  

Videomapping e pancarta Non é non

Na fachada do Pazo de San Marcos proxectarase o videomapping A provincia de Lugo contra as violencias machistas. Tamén depende de ti os días 25, 26 e 27 de novembro, entre as 18.00 e as 21.30 horas. Incluirá vídeos e fotografías de persoas da provincia lanzando mensaxes firmes e claras contra a violencia contra as mulleres. 

Loureiro destacou o novidosa que será está acción, que poderá ver “toda a veciñanza que camiñe polo centro de Lugo, que escoitará voces de mulleres e homes condenando publicamente esta lacra social”. 

Así mesmo, na fachada da sede provincial tamén se despregará unha gran pancarta coa mensaxe Non é non para simbolizar a denuncia e enérxica repulsa da institución ás violencias machistas. 

Centros de Atención a Maiores

Ademais de participar na actividade En Camiño contra as Violencias, a comunidade dos Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo dedica todo este mes a desenvolver obradoiros contra a violencia. Participan tanta os usuarios e usuarias como o persoal que traballa nos centros de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Castroverde, os seis que nestes momentos ten a Deputación en funcionamento. 

A Deputada explicou que deses obradoiros saíron 56 mensaxes e reflexións arredor da violencia machista que serán proxectadas no videomapping. Ademais, o día 25 de novembro nos Centros de Atención a Maiores farase unha exposición desas mensaxes para que os residentes poidan ver e coñecer os lemas que crearon noutras residencias e abrir debate arredor desta problemática. 

Material para os concellos

Esta campaña tamén involucra aos concellos da provincia de Lugo. Por iso, dende a Deputación faráselles chegar material como calendarios e camisetas para que a poboación tamén se faga partícipe desta iniciativa provincial.