140 anos do Porto de Vigo. Retos de futuro


Con motivo da celebración do 140 aniversario da Autoridade Portuaria de Vigo, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, avogou polo entendemento institucional e a colaboración entre porto e cidade para afrontar os retos que se lles presentan.

No foro 140 anos do Porto de Vigo. Retos de futuro do Porto, Alfonso Rueda reafirmou o compromiso da Xunta co Porto de Vigo perante un momento “transcendental” para a súa actividade, condicionada polo brexit, o futuro do corredor atlántico ou as consecuencias das restricións de mobilidade no tráfico de mercadorías por mor da pandemia. Ao seu entender, estas circunstancias non afectan só a actividade portuaria senón a toda a sociedade viguesa, “porque nin Vigo se entendería sen o seu porto nin o porto tería sentido sen Vigo”.

O vicepresidente primeiro subliñou que a Xunta aposta por ese entendemento e polas sinerxías conxuntas e que, nese obxectivo, inviste tanto no porto como na cidade coa fin de recoller beneficios conxuntos. Rueda puxo como exemplo a rehabilitación do antigo inmoble do Hospital Xeral para albergar a moderna Cidade da Xustiza, a inauguración do albergue de peregrinos ou o apoio da Xunta ao festival do Marisquiño, entre outras iniciativas. 

No que respecta á actividade portuaria, a Xunta traballa co Porto na implantación da chamada economía azul, coa dixitalización da lonxa ou a promoción do turismo náutico, entre outras medidas. Tamén favorecendo a ligazón entre porto e cidade, a Xunta colabora na humanización do vial de Orillamar co obxectivo de conectar todo o bordo portuario mediante unha senda peonil e un carril bici.

Alfonso Rueda subliñou que porto e cidade medraron xuntos e que é preciso “preservar ese legado” herdado pola sociedade viguesa. “Nese proxecto contaredes sempre co apoio do Goberno galego”, asegurou.