Triséximo aniversario da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña

Este venres, 8 de outubro, arrincará o triséximo aniversario da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, que contará, ata o martes 12 de outubro, cun total de 12 grandes firmas, 11 participacións na novidosa sección ArtEncaixe, encontros de palilleiras, o concerto da París de Noia, música tradicional (a cargo dos grupos de gaitas 'Abrindo Rejo', 'Con todo en banda' e 'Vaiche boa'), a presentación da plataforma en liña MerCamariñas, unha proxección tridimensional e diversas exposicións.

Previamente á inauguración oficial, que está prevista para mañá, venres 8 de outubro, ás 17:00 horas da tarde, celebrarase un pleno extraordinario da corporación camariñana para investir como fillo predilecto do municipio a Xosé Luis Blanco Campaña. Na inauguración intervirán a alcaldesa, Sandra Insua; o delegado do Goberno, José Miñones; e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Ás 18:30 horas celebrarase o desfile PequeEncaixe, para posteriormente dar paso á presentación da pasarela de grandes firmas co modelo internacional Damián Álvarez, e pechará a xornada o desfile de grandes deseñadores.

Lembrar que como o aforo será limitado, sempre tendo en conta a normativa sanitaria, será indispensable contar con entrada antes de acceder ao recinto habilitado. O custe será de dous euros para o pase xeral, dous euros para cada desfile e poderase adquirir un pase para a xeral e un desfile por tres euros. Será indispensable o uso de máscara sanitaria.

Desde a organización destacan a "relevancia de todo un triséximo aniversario, polo que levamos traballando durante máis de dous anos e agardamos que a realidade supere ás expectativas, que de por sí son moi elevadas", transmiten.