Programa formativo sobre a potencialidade do leite ecolóxico

A Deputación de Pontevedra vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación Sectorial Láctea e Agrícola Galega ASELAGA para a realización dun programa formativo sobre a potencialidade do leito ecolóxico e os seus derivados a nivel social, económico e medioambiental na provincia. Mediante esta iniciativa, á que a institución provincial achega máis de 38.000 €, preténdese crear emprego e contribuír á creación de empresas ecolóxicas modernas centradas na elaboración e transformación do leite ecolóxico.

O programa formativo que impulsan a Deputación e ASELAGA conta con seis cursos online de 70 horas de duración cada un e nos que poderán participar 20 alumnas/os por curso. O curso, que se desenvolverá a través dunha plataforma de formación a distancia, centrarase nos métodos e técnicas de produción de leite ecolóxico, na elaboración de produtos derivados do mesmo e nas medidas encamiñadas á conservación do medio natural. A formación online completarase con material didáctico que se achegará en formato físico.

Amais dos cursos online tamén se promoverán seis obradoiros explicativos a distancia, ben a través de vídeos ou outros formatos dixitais, que permitirán achegar ás persoas interesadas as principais técnicas e os principais procedementos para a produción e elaboración de leite e produtos ecolóxicos. Destes obradoiros editarase unha guía resumo con todos os contidos, de tal xeito que as persoas participantes contarán con este material de apoio para poder impulsar os seus proxectos.

Está contemplado tamén a publicación de dúas guías técnicas sobre “Potencialidade do leite ecolóxico” e sobre “Derivados de leite ecolóxico”. Na primeira delas amosaranse os beneficios potenciais de producir leite ecolóxico e, na segunda, analizaranse as calidades e características dos produtos derivados do mesmo.

Esta iniciativa que impulsan a Deputación de Pontevedra e ASELAGA dá resposta á tendencia existente na actualidade entre as persoas consumidoras cara produtos de maior calidade e que, no seu proceso de produción, sigan boas prácticas que respecten a contorna natural e o benestar animal. Hai que ter en conta que a produción ecolóxica é un método alternativo que busca acadar sistemas estables e equilibrados ecoloxicamente, que apostan polo emprego eficiente dos recursos naturais e proporcionan ás persoas consumidoras alimentos nutritivos e seguros. Amais, nas Rías Baixas existen condicións naturais idóneas para producir alimentos orgánicos, con prados e pastos que representan un gran potencial para o desenvolvemento de explotacións gandeiras ecolóxicas vinculadas á terra.