Primeiros pasos dos traballos de conservación e posta en valor do petróglifo de Bouza Abadín

Comezaron os traballos de conservación e posta en valor do petróglifo de Bouza Abadín, na CCMM "Cruz do Avelán" no Concello de Dodro, que contan con financiamento da área de Turismo e Patrimonio Histórico da Deputación da Coruña.

Os traballos, que se inician tras os labores de roza nos terreos nos que se asenta o petróglifo levados a cabo a semana pasada, teñen por obxecto a limpeza dos soportes gravados, a eliminación da vexetación intrusiva, a documentación rigorosa dos motivos, e a sinalización e elaboración de paneis explicativos.

Convén lembrar que esta colaboración entre a área provincial de Turismo e o Concello de Dodro para levar a cabo esta intervención chega tras unha xuntanza a comezos do presente mandato entre o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e os concelleiros Cultura e Ensino de Dodro, Xoán Xosé Vicente Franco e Abel Tarrío, e na que se acorada dar pasos conxuntos para a mellora e promoción deste ben patrimonial de especial interese no Concello de Dodro.

O petróglifo de Bouza Abadín que posúe unhas privilexiadas vistas sobre o río Ulla, é sen dúbida o máis coñecido do concello de Dodro. A razón principal da súa singularidade, ademais do enclave natural privilexiado no que se atopa, é a súa combinación de motivos xeométricos, tales como círculos e "cazoletas", e motivos naturalistas, con a representación de animais como cervos e escenas de equitación.

Na actualidade, a visibilidade dos gravados estaba a ser cada vez máis dificultosa debido a un manto de colonización biolóxica que cubría parcialmente as pedras, posto que a última intervención data de 2011.

Os traballos serán realizados pola empresa especializada Árbore S.Coop. Galega e consistirán na limpeza en seco dos soportes gravados eliminando a vexetación máis intrusiva e daniña seguindo as pautas de restauración pertinentes e mediante o uso de palillos de madeira, cepillos etc. Posteriormente documentarase cada motivo mediante fotogrametría e xeración de modelos 3D que serán utilizados como base para a obtención de calcos dixitais. Por último, tamén se deseñará unha cartelería específica que integre o petróglifo cos demais bens patrimoniais da súa contorna

O petróglifo de Bouza Abadín forma ademais parte da ruta  Pena Nao, baseado na novela de Anxo Angueira; un recurso de especial interese cultural e patrimonial que pasa polos principais lugares arqueolóxicos de Dodro. Está considerado, ademais, un tesouro da Idade de Bronce.