Preto de 1,3 millóns de euros para mellorar a comercialización dos produtos da apicultura



Un total de 24 beneficiarios, entre asociacións e particulares, recibirán preto de 1,3 millóns de euros da Xunta para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), que acaba de publicar dita resolución que dá conta das persoas e entidades ás que se lles concedeu subvención ao abeiro da orde pola que se establece o réxime de axudas á apicultura neste 2021.

Dita orde vai destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de seis liñas de subvención diferentes, nas que os custos subvencionables foron pactados co sector: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para apoiar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.