Presentada en Lisboa a oferta turística galega aos principais operadores lusos

Alfonso Rueda, que participou en Lisboa na presentación do Xacobeo 21-22, lembrou que o Camiño Portugués é a segunda ruta preferida polos peregrinos, despois do Camiño Francés. No que vai de ano, entre o Camiño Portugués e o Portugués da Costa, sumaron cae 30.000 camiñantes que recolleron a súa Compostela en Santiago, o 22% do total. Ademais, en canto se abriron as fronteiras, os portugueses animáronse a facer o Camiño de Santiago, de aí que o 5% dos que chegaron este ano a Compostela sexan de procedencia lusa.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, puxo o Camiño Portugués como exemplo de recuperación turística e animou aos empresarios do sector en Portugal a promocionalo como unha oportunidade de negocio e de promoción turística.

Alfonso Rueda fixo referencia aos bos datos en canto á afluencia de turistas no verán, con Galicia á cabeza na recuperación turística de España grazas ao traballo feito nestes meses para reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro e de calidade cun modelo de turismo tranquilo e sostible, o que permitiu converterse o mes pasado na única comunidade en superar as cifras turísticas prepandemia. Así, lembrou que en agosto, Galicia acadou un 80% máis de ocupación que o ano pasado e situouse 27 puntos por riba da medida estatal respecto a 2019. 

Ao seu entender, o Xacobeo, que está a ser un dos motores da recuperación económica en Galicia, pode ser tamén un estímulo para Portugal, polo que animou a aproveitar as expectativas esperanzadoras para Galicia e os territorios que atravesan o Camiño para seguir sumando turistas e peregrinos en 2022, no segundo ano deste Xacobeo 21-22.