Posta en valor do traballo das mulleres no rural galego

A Deputación da Coruña homenaxeou e puxo en valor o traballo e o papel das mulleres no rural galego a través do encontro 'O rural ten futuro', celebrado no concello das Pontes. O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou no acto "o decisivo labor das mulleres das zonas rurais para o progreso social e económico das nosas aldeas e vilas, son elas as que foron e seguen a ser o combustible que fai que funcione o territorio".

Á xornada asistiron, ademais de González Formoso, a presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos Arrojo, o secretario xeral de Unións Agrarias -UPA-, Roberto García González, e a concelleira de Igualdade do Concello das Pontes, Tania Pardo.

Na xornada fíxose entrega de catro galardóns en recoñecemento ao traballo levado a cabo por mulleres do rural da provincia. Silvina Muñoz Coria, Teresa Carril Otero, Manuela Vilaboy Romero e a agrupación Leilía foron as premiadas polo seu labor de posta en valor da nosa artesanía; compromiso co sector primario e o territorio; compromiso coa igualdade e o medio rural; e achega ao mundo da cultura, a lingua e as artes, respectivamente.

O presidente da Deputación deulle os parabéns a todas as gañadoras e agradeceu o seu traballo a prol do desenvolvemento social, económico, cultural e patrimonial do rural coruñés. Na súa intervención, Formoso tamén gabou o traballo que desenvolve FADEMUR na "organización deste encontro, no que desde a Deputación é un verdadeiro pracer poder colaborar un ano máis nunha xornada que segue a ser moi necesaria para dar visibilidade a unha parte da historia que foi silenciada durante moitos anos, ausente nos libros, no material dos centros educativos, nas estatísticas oficiais e noutras publicacións".

G. Formoso destacou a aposta e o compromiso da Deputación co rural galego. "Nunca antes o goberno provincial dedicara tanto ao rural da provincia da Coruña. Como exemplo do noso traballo cito o Plan Único, co que centramos investimentos para impulsar infraestruturas e servizos nos concellos máis pequenos", explicou. "Estou a falar de accións como a recuperación de escolas unitarias, melloras en centros educativos e deportivos, obras de humanización de espazos públicos ou melloras no saneamento". Tamén remarcou o fomento do emprego e o emprendemento no ámbito a través do Plan de Emprego Local, destinando axudas a sectores coma o lácteo, as mancomunidades de montes ou as asociacións culturais e de artesanía.

"Tamén cos nosos espazos de coworking, instalados en municipios rurais e a través dos que favorecer o emprendemento e ofrecer oportunidades de emprego á mocidade, para que o talento galego se asente no noso territorio e non se vexa na obriga de ter que emigrar", argumentou o presidente da Deputación.

A presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos, resaltou que non se pode construír un futuro para o rural de Galicia sen contar coas mulleres. "Un futuro no que ten que haber oportunidades económicas e laborais, pero tamén unha presenza dos servizos públicos que garantan a educación, a sanidade e a posibilidade de construír proxectos vitais para as familias", afirmou.

O acto celebrado no Cine Alovi contou tamén cunha mesa redonda contra o desmantelamento dos servizos no rural coas intervencións da vicepresidenta das ANPAS-Galicia, Isabel Calvete Carrera, a representante da Asociación "Pediatras e matronas Xa", Vanessa Viquendi Fernández, e o responsable da área de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias -UPA-, Jacobo Feijoo Lamas. O coloquio estivo moderado por Cristina Fernández Durán, enxeñeira agrónoma.

Ademais, no evento proxectouse un vídeo no que se recolle o traballo das mulleres rurais e de FADEMUR, resaltando o exemplo que deron á cidadanía nestes meses de pandemia, nas que "non pararon, saíron cada día a traballar para facilitar á poboación os alimentos necesarios, continuando coas súas explotacións nuns momentos nos que era moi complicado facelo", indicou González Formoso. Un labor que combinaron, como o levan facendo sempre, cos coidados das persoas maiores e dependentes.

MULLERES E ENTIDADES GALARDOADAS

Silvina Muñoz Coria (Recoñecemento a posta en valor da nosa artesanía)

Encamiñou os seus estudos cara a cociña, estudando Técnico Superior en Gastronomía. Con 21 anos foi seleccionada para traballar nunha das empresas máis importantes de Andorra relacionada coa gastronomía; desde ese momento non parou de viaxar e traballar en varios países de Latinoamérica e Europa.

Logo dunha viaxe de 3 meses a Arxentina, decidiu apostar polo que mellor sabe facer, que é a repostería. Así naceu Algareira, hai 7 anos, aínda que nos seus comezos chamouse Silvina Muñoz - Artesanías en Sobremesas. Nos últimos 3 anos, especializouse en intolerancias, en dietas especiais como a cetoxénica -tan recomendada para paciente oncolóxicos como con enfermidades raras e motrices-, optado así por facer unha repostería sa, personalizada, diferenciada e adaptada a cada diagnóstico. No seu obradoiro, sempre podemos atopar algún doce axeitado ás nosas necesidades alimenticias e nutricionais. Unha máxima do seu traballo diario é seguir formándose en pastelería saudable coa colaboración de produtores locais e nacionais para garantir produtos de excelente calidade

Teresa Carril Otero (Recoñecemento ao compromiso co sector primario e o territorio)

Titular conxuntamente co seu marido dunha explotación de vacún de leite no lugar de Anllóns no concello de Ponteceso, unha zona onde as explotacións gandeiras teñen cada vez menos peso, e onde a gandeiría e as actividades vinculadas ao sector primario están desaparecendo da comarca. A súa afección ás innovacións e ás mellora tecnolóxica, son un aspecto moi positivo que trata de incorporar o seu día a día no traballo.

Sempre tivo clara a necesidade de participar nas actividades das asociacións de mulleres da zona, a colaboracións coas asociacións de nais e pais, cos movementos veciñais, como unha das súas tarefas prioritarias, xa que entende que so a través da participación social e dos activismos se poden conseguir mellora para o seu entorno. Como tantas mulleres rurais, ante a falta de servizos e axudas, tivo que facerse cargo do coidado dos maiores da casa, o que a levou a reforzar o seu compromiso coa demanda duns servizos públicos de calidade mellorar a calidade de vida e traballo das zonas rurais, especialmente das súa mulleres.

Leilía (Recoñecemento a súa achega ao mundo da cultura, a lingua e as artes)

Son seis mulleres as que conforman o grupo dende hai 32 anos, bebendo das fontes e da inspiración que outras mulleres lles transmitiron. As mulleres das aldeas foron as que co seu inxenio e creatividade, compuxeron, conservaron e transmitiron todo un legado cultural, o das coplas e toques, que definen a rica tradición oral galega, o tesouro que Leilía rescata das súas memorias e leva aos escenarios, para darlle proxección de futuro a un xeito de divertimento, que se estaba perdendo e que estaba a esmorecer. As Leilía teñen a inmensa sorte de ter aprendido de primeira man destas mulleres, das mulleres das nosas vilas e aldeas, e tamén de terlle dado o valor a eses tesouros da nosa cultura e tradición, axudando así a que sigan formando parte da troula e a diversión do día a día deste país.

A súa admiración e respecto cara ás súas informantes levounas a dedicarlle o disco de CONSENTIMENTO, poñendo o foco en Eva Castiñeira. Elas son o faro que alumea o noso camiño, un camiño que avanza, que fala de presente e futuro grazas tamén de mulleres relevantes na escrita deste país. Mulleres como Ana Romaní, Marilar Aleixandre, Eva Veiga, Yolanda Castaño..., axudáronnos a contemporaneizar as melodías das aldeas.

Manuela Vilaboy Romero (Recoñecemento ao compromiso coa igualdade e o medio rural)

Esta muller leva moitos anos traballando no medio rural, e dende sempre tivo moi presente que ás mulleres do rural, precisaban de unha atención especial, moi específica, e sobre todo de procurarlles espazos para a súa participación e visibilización. Consultada a hemeroteca podemos apreciar como en Xermade, xa nos anos 2006 en adiante tiñan lugar encontros conmemorativos como este do día internacional das mulleres rurais, ou que tamén fosen pioneiras na organización de eventos arredor do día 8 de marzo ou do día 25 de novembro para concienciar, sensibilizar e denunciar a violencia contra as mulleres. Tamén aquí, nas Pontes, a súa vila natal colabora con grupos de traballo que promoven publicación tan importantes como "Historia das nosas mulleres" ou a Revista de Estudos Históricos Locais.

Unha mostra máis do compromiso da nosa homenaxeada é tamén a implicación cos movementos a prol da liberdade, especialmente das mulleres, en calquera parte do mundo o que a levou a formar parte da constitución e da xunta directiva da Asociación para a Cooperación ao Desenvolvemento "Solida". Dende 2019, dá un paso máis no seu compromiso coas mulleres, coa igualdade e coa loita contra a violencia machista e pasa desempeñar o cargo de xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller na Subdelegación do Gobierno en Pontevedra.