Porto Maresía, novo ciclo musical con sabor a sal en Vigo e A Coruña


Nace Porto Maresía, un novo ciclo de concertos con sabor a sal en Vigo e A Coruña con figuras de referencia da escena galega como Heredeiros da Crus, Ortiga, Andrés Suárez e Guadi Galego  

A iniciativa, impulsada por Art Music co apoio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22, celebrarase do 25 ao 28 de novembro en A Coruña e Vigo e nace coa vocación de achegar ao público o son de grandes figuras da escena galega, con seguidores entre diversas xeracións, nunha serie de directos vibrantes e auténticos que se poderán gozar en dous escenarios de referencia: o Auditorio Palexco, situado nos peiraos coruñeses, e o Teatro Afundación de Vigo, un imponente espazo neobarroco próximo ao porto pesqueiro máis importante de Europa. As entradas para os catro concertos que conforman o ciclo Porto Maresía sairán á venda este venres, 8 de outubro, ás 10.00h, a través da plataforma online Ataquilla.com.

O sabor a mar que nos fai sentir como na casa. Iso é Porto Maresía: a música que nos traslada ata o lugar que é o noso fogar. A música, como o mar, arrólanos, sacódenos, refréscanos, mergúllanos. Apodérase de nós e sempre volvemos a ela. E, aínda que estiveramos un tempo lonxe das cancións en directo, era tempo de regresar. Benvidos a Porto Maresía: concertos con sabor a sal. 

Un ciclo auténtico cunha selección de artistas galegos que aúnan, baixo a súa figura, a tradición e os estilos máis actuais e variados da nosa escena, a ritmo de pop, rock ou canción de autor. Heredeiros da Crus, Ortiga, Andrés Suárez e Guadi Galego conforman a grella de excepción desta primeira edición de Porto Maresía, que atracará en Vigo e A Coruña a última fin de semana do mes de novembro. Todos eles representan - cada cal á súa maneira- o poder do autóctono, das nosas orixes, dunha identidade única e singular. 

Os sons ao vivo destes catro artistas danlle forma e sentido a un ciclo que, organizado por Art Music co apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22, a través da liña de axudas a concertos para contribuir á recuperación da actividad empresarial e artística galega aprobada o pasado mes de setembro, reivindica o poder da cultura galega, para difundir a nosa riqueza lingüística e musical nun evento festivo, atractivo e de calidade, que pon en valor o noso legado inmaterial.