Pontevedra, finalista no III Premio de Buenas Prácticas Locales por la Biodiversidad

O Concello de Pontevedrá terá un espazo de seu no III Premio de Buenas Prácticas Locales por la Biodiversidad, organizado pola Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP). A Boa Vila logra quedar finalista -o segundo premio do certame- pola candidatura ‘Creación da Rede de Parques Periurbanos do Concello de Pontevedra’ na categoría Infraestrutura Verde.

O galardón consta dun trofeo acreditativo que será entregado durante un acto oficial, o vindeiro 20 de outubro na sede da FEMP, en Madrid. Até alí acudirá o concelleiro e coordinador do Rural, Alberto Oubiña.

O III Premio de Buenas Prácticas Locales por la Biodiversidad ten o obxectivo de recompilar e difundir as actuacións desenvolvidas polas Entidades Locais españolas no campo da conservación e o incremento da biodiversidade. Así mesmo, preténdese recoñecer ás Entidades Locais españolas os seus esforzos na protección da biodiversidade.

«Para o concello, este recoñecemento supón un apoio máis á política forestal que se está levando a cabo estes últimos anos», explica Oubiña. «A aposta polo traballo conxunto coas comunidades de montes, a recuperación dos montes para empregalos como espazos de convivencia e produción sostible e, por suposto, como alternativa de ocio, fai que os parques forestais comecen a ser recoñecidos e visitados tamén desde fóra de Pontevedra».

Doutra banda, o Concello lembra que continuará neste camiño de mellora dos tres parques forestais cos que conta Pontevedra na actualidade, seguir esa liña de recuperación e posta en valor para a veciñanza. O coordinador do Rural tamén comenta que xa se está a traballar nunha actuación máis extensa para o Parque Forestal do Pontillón do Castro, «para actualizalo logo de máis de 10 anos. Tamén estamos traballando, como xa temos anunciado, nun contrato de sostemento para os vindeiros anos do que estamos a ultimar os detalles finais previos á licitación».