Pontevedra acollerá o vindeiro ano a Placemaking Week Europe

A Boa Vila será sede da Placemaking Week Europe. Trátase dunha das «novas máis importantes», en palabras da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, logo de anunciar a intención de sermos escollidos como lugar de celebración a finais de agosto, coincidindo coa visita dunha delegación da entidade internacional á cidade, conformada por Ramón Marrades e Charlot Schans, directivos de Placemaking Europe.

«Esta escolla supón a idea de seguir subindo e avanzando un chanzo máis na referencialdiade internacional de Pontevedra. Amais de ter centos de visitantes durante a Placemaking Week, expertos e expertas en espazo público, de poder interactuar con referentes mundiais, a celebración desta cita suporá todo un reto para o Concello de Pontevedra, ao requirir un esforzo de loxística e de estrutura que comezaremos a preparar desde xa. De feito, aproveitando a participando de Ramón Marrades en Urtbtopías, aproveitaremos xa para avanzar neste camiño», explicou Gulías.

Ramón Marrades, visitante de novo na cidade por mor da súa participación no ciclo de encontros sobre as cidades do mañá, estivo presente na declaración pública sobre a escolla. «Fainos especial ilusión confirmar que celebraremos a semana europea de Placemaking aquí en Pontevedra», sinalou Marrades no comezo da súa intervención. «É un congreso que se organizou en Amsterdam por vez primeira no 2017, logo pasou por Estocolmo, Valencia e neste período de pandemia fixemos unha reflexión especial en Barcelona chamada ‘La ciudad después de la Covid’».

Placemaking Europe é unha fundación que tenta explicar, divulgar e afondar no urbanismo social participativo e sostíbel, unha rede de case 4.000 persoas con representantes de todo o mundo, vinculados a diferentes ramas e eidos, desde a arte, a academia, o social ou a política. «A Placemaking Week Europe para nós é como a Semana Grande. Non é un congreso ensimesmado, todo o contrario; buscamos un lugar onde podemos aprender e aportar, sempre observando a realidade local, por iso escollemos cidades que sabemos que poden aportar, mais tamén teñen a curiosidade suficiente para escoitar. Pontevedra reúne esas dúas características como referente e como cidade que quere seguir avanzando».

Marrades estima que chegarán preto de 400 persoas á cidade para gozar da cita, das cales, o 20 % procederá de fóra de Europa -Asia e Estados Unidos, principalmente-. Sobre este asunto, a concelleira de Promoción da Cidade lembrou que alén das noites que pasen, as comidas que consuman e os diferentes gastos que os asistentes realicen na cidade, a Boa Vila tamén gañará en coñecemento e propostas, definíndoa como a cita máis importante que realizará a súa área en todo o vindeiro ano, motivo polo cal absorberá boa parte do orzamento anual. 

A Placemaking Week Europe queda axendada para setembro do ano 2022.