O Leader permitiu consolidar 2.274 postos de traballo e crear 790, segundo a Xunta


O programa Leader permitiu consolidar un total de 2.274 postos de traballo en Galicia e crear outros 790 empregos no período de programación 2014-2020. Así o salientou o subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Moisés Blanco, na súa intervención na xornada 30 anos de Leader, organizada pola Red Española de Desarrollo Rural e que se está a celebrar na localidade asturiana de Somiedo.

O representante galego puxo en valor o feito de que tres décadas despois da súa posta en marcha, a medida Leader, co seu enfoque participativo e transversal, consagrouse como unha ferramenta indispensable para dinamizar o tecido socioeconómico das áreas rurais, tamén en Galicia. E nisto, engadiu, tiveron moito que ver a implantación e o arraigo dos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) da nosa comunidade.