O destino Rías Baixas mantén o tirón turístico no outono


A ponte da Hispanidade foi tnotable para o sector turístico da provincia de Pontevedra. Así o constatou o observatorio de Turismo Rías Baixas que vén de confirmar unha ocupación hoteleira media superior ao 75% que confirma a tendencia rexistrada durante o verán que consolida á provincia como líder en Galicia e destino top de España.

A comarca de Vigo foi a que acadou a maior porcentaxe, cun 82% de ocupación media nos establecementos hoteleiros, seguida do Salnés e O Morrazo, cun 75%. A comarca do Baixo Miño superou o 72%, a de Pontevedra o 71,5%, as comarcas de Deza e Terra de Montes o 68%, a de Caldas o 58,5% e as do Condado e da Paradanta o 47%. Por concellos, Baiona superou o 82%, Vigo o 81%, Sanxenxo e Pontevedra o 78% e O Grove o 69,5%.

No que respecta aos establecementos de turismo rural, a ocupación media na provincia durante a ponte foi do 65%. Por comarcas a do Morrazo foi a que acadou a maior porcentaxe, cun 79% de ocupación en casas rurais, seguida do Condado e A Paradanta, cun 78%. A comarca de Pontevedra chegou ao 77%, a do Baixo Miño ao 72%, a do Salnés ao 67%, as comarcas do Deza e Terra de Montes ao 54%, a de Vigo ao 52,5% e a comarca de Caldas ao 50%.

Mención aparte merece a ocupación media das vivendas turísticas que acadaron un 87% durante a ponte, cunha forte presenza do turismo nacional do sur de España e da Comunidade Valenciana. Puntos concretos como Vigo, Sanxenxo, O Grove, Pontevedra, Cambados, Nigrán e Baiona chegaron ao 100% de ocupación.