Importante impacto económico en Lugo da Gallaecia-AR World Championship 2021


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu este sábado na Praza da Compañía de Monforte de Lemos á saída do Campionato do Mundo de Carreiras de Aventura, co que colabora a institución provincial cunha achega de 60.000€. A proba, que é a segunda vez que ten lugar en España despois de que Castela e León a acollera no ano 2010, arrancou este mediodía na cidade do Cabe e percorrerá, ata o día 9, unha vintena de concellos lucenses e as provincias de Ourense e A Coruña.

José Tomé, que foi o encargado de cortar a cinta da proba deportiva, estivo acompañado pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o director da proba, Pablo López. Ao acto acudiu tamén a Tenente Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e outros membros da corporación municipal.

A Gallaecia-AR World Championship 2021 bate esta edición récord de participación, con preto de 100 equipos inscritos e máis de 400 participantes de 24 países, que completarán un trazado de 620 quilómetros combinando etapas de kayak, bicicleta de montaña ou trekking.