II Reunión de Seguimento da España Verde

Da man da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, Galicia participou esta na II Reunión de Seguimento da España Verde que tivo lugar no Parque da Natureza de Cabárceno, en Santander coa participación dos responsables turísticos dos territorios que conforman esta marca turística: Cantabria, Asturias, País Vasco, ademais de Galicia e Turespaña. 

“Estamos a traballar na folla de ruta que guiará as actuacións para o vindeiro ano, centrada na recuperación da promoción internacional e en darlle pulo ao desenvolvemento de novos produtos turísticos vencellados co territorio”, explicou Nava Castro. 

O Camiño de Santiago -o gran vertebrador deste territorio e elemento clave para a promoción internacional destes territorios-, o surf, a enogastronomía ou a natureza serán os eixes arredor dos que se desenvolverán as estratexias e novos produtos turísticos da marca España Verde, con produtos como a Gran Ruta de la España Verde, centrada na difusión das viaxes en coche. 

O encontro serviu, ademais, para facer balance das actuacións levadas adiante no marco da promoción e creación de produto turístico conxunto por parte da España Verde así como das actuacións en materia de mercadotecnia e promoción destes territorios e da súa oferta turística levados adiante a través de Turespaña, especialmente nos mercados internacionais, onde se fixeron diferentes actuacións nos mercados alemán, italiano e do centro de Europa.