Finca Míllara súmase ao selo Galicia Calidade


Finca Míllara, adega pertencente a D.O. Ribeira Sacra, súmase a selo Galicia Calidade, que amplía o número de empresas do sector vitivinícola certificadas con esta marca de garantía. Coa incorporación da adega situada en Pantón (Lugo), Galicia Calidade suma 18 adegas certificadas, ás que hai que engadir outras 120 empresas de outros sectores como a alimentación, a hostalería, o lácteo ou a xoiaría, entre outros. En total, son máis de 400 produtos e servizos avalados con este certificado.

Finca Míllara é un proxecto empresarial que abrangue tamén a restauración, a produción de aceite de oliva ou as conservas. Naceu no ano 1999, cando os seus promotores decidiron recuperar as antigas plantacións e comprar viñas aos viticultores do contorno, creando dese xeito unha das maiores fincas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Na actualidade conta con 21 hectáreas de cepas, situadas en ladeiras de lousa cun desnivel do ata o 50%. Producen 70.000 botellas utilizando sempre uvas de produción propia e plantando novas cepas para incrementar a súa capacidade.