Facilidades para que os viticultores declaren a colleita de uva


Os 5.000 viticultores da denominación de orixe (DO) Rías Baixas probarán de xeito piloto as facilidades impulsadas pola Xunta para declarar a colleita de uva. Así, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asinaron un convenio de colaboración co presidente do Consello Regulador da DO Rías Baixas, Juan Gil, para que esta denominación teste o software que facilita esta tramitación.

Os asinantes do acordo puxeron de relevo as vantaxes da medida, que prevé beneficiar os máis de 10.000 viticultores das cinco denominacións de orixe do viño galegas. Será posible unha vez o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado xoves 30 de setembro a orde pola que se modifican anexos, prazos e normas procedimentais do Decreto que regula o potencial de produción vitícola de Galicia. En concreto, as principais modificacións están orientadas a simplificar a declaración de colleita de uva dos viticultores galegos acollidos a denominacións de orixe, ofrecendo a vía electrónica e a intermediación dos consellos reguladores en lugar dos trámites nas oficinas agrarias comarcais (OAC).