Éxito de público nos showcookings da “cociña que fala galego” no Fórum Gastronómico


O programa de showcookings co que a área de Turismo da Deputación da Coruña está participando no Fórum Gastronómico de Barcelona está a contar cunha gran acollida por parte do público, esgotando todas as prazas dispoñibles para asistir a todas as degustacións. Trátase, ademais, da única "cociña que fala galego" presente en toda a programación da Feira, que se sitúa como lugar de encontro dos principais nomes da cociña contemporánea e de empresas punteiras do ámbito gastronómico a nivel estatal.

Neste contexto, o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira fai fincapé en que "os cociñeiros e cociñeiras que veñen aquí amosar a gastronomía da provincia en realidade o que están facendo é vincular o produto e bo facer culinario co territorio, situándoo en puntos concretos da nosa xeografía e con produtores e produtoras locais". 

Así, a mención da procedencia da materia prima empregada nos showcookings achega a Barcelona topónimos e lugares ligados a produtos, como o grelo de Arxeriz, a pataca fina de Carballo, a ameixa de Carril, o peixe prodecente das lonxas de Laxe e Malpica, ou os produtos da horta das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

"O obxectivo último deste programa de showcookings é que o público que asiste ao Fórum coñeza a provincia da Coruña a través da súa oferta culinaria de calidade, que a probe, que a desfrute e que posteriormente a recomende" asegurou Xosé Regueira tras a segunda xornada de Fórum. Neste martes, os dous showcookings do día correron a cargo de Lolo Mosteiro e Paula Martínez do restaurante A Artesa da Moza Crecha de Betanzos (tras un imprevisto que imposibilitou a asistencia de Pedro Coego, do restaurante O Recuncho do Convento).

Baixo o título "Da Reserva da Biosfera ao Concepto", os dous cociñeiros ofreceron unha degustación con cociña de tempada con tres receitas: allo porro a baixa temperatura con guiso de boletus, rouss de castaña e brócoli; bombón de carpaccio de vaca recheo de crema de shitake e foie con aire de limón; e trufa de cacao á sal con alga nori. Paula Martínez, que foi a encargada de conducir o showcooking, explicou que só empregan produtos de proximidade, con moi poucos intermediarios e preferentemente directamente dos produtores e produtoras. A cociñeira marcou como reto do showcooking "sorprender paladares a partir de produtos como o brócoli ou o allo porro" e "trasladar a nosa horta aos vosos corazóns". Tamén fixo unha demorada explicación sobre a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e vinculou a receita da trufa de cacao coa historia da existencia de varias empresas de elaboración de cacao que houbo en Betanzos no século XIX e coa praia do Regueiro (Bergondo), xa que a esta receita a bautizaron como "As pedras do Regueiro".

O programa de showcookings continuará mañá da man de Pepe Senande da Muradana de Muros, Montserrat Santos de Casa do Tella de Portosín, Manuel Pérez de Casa do Selmo de Urdilde, e Paco Moar de Casa Pena de Moeche.