Cuarta edición da aceleradora de empresas coa Smartpeme

A Deputación de Pontevedra vén de lanzar, a través do programa SmartPeme TurisTIC, a cuarta edición da aceleradora de empresas turísticas da provincia. Un total de seis proxectos  empresariais beneficiaranse nesta nova quenda do programa, que ten como obxectivo servir de apoio e guía para as empresas do sector turístico e doutros sectores relacionados mediante a incorporación das novas tecnoloxías vinculadas ás actividades clave de cada negocio, a fin de mellorar a súa competitividade. 

Con este fin, desenvolveranse distintas actividades de capacitación tecnolóxica nas sete oficinas da rede Smartpeme e os e as responsables dos seis proxectos escollidos beneficiaranse de asesoramento personalizado amais doutras actividades de mentorización. O programa da Deputación está dirixido a pemes, persoas emprendedoras, empresarias e autónomas da provincia cun proxecto ligado ao sector turístico ou cunha actividade vinculada ao mesmo en fase temperá de desenvolvemento ou cun alto potencial de crecemento, que teñan interese en mellorar as súas capacidades e habilidades para acelerar o seu proxecto empresarial. Deben contar con preparación técnica para desenvolver o proxecto de aceleración, dispoñibilidade e compatibilidade para seguir as accións formativas e unha gran motivación e compromiso co programa.

O prazo para a presentación de solicitudes xa está aberto na web de Smartpeme e finaliza o día 15 deste mes de outubro. Nas tres edicións anteriores a Deputación prestou apoio a través desta iniciativa a un total de 20 empresas, seleccionadas entre as 60 candidaturas presentadas.

O programa desenvólvese en dúas fases. A primeira é a de mentorización, que inclúe o deseño da folla de ruta a seguir para o desenvolvemento do proxecto –para o que estarán acompañadas por unha persoa experta en turismo– e un programa intensivo de titorías que consta de sesións de traballo individualizadas con persoas asesoras expertas en tecnoloxía, en imaxe dixital e cun especialista en competitividade empresarial. As persoas participantes tamén participarán nunha xornada networking con outras empresas do sector. 

Nunha segunda fase, a aceleradora centrarase nas sesións formativas grupais enfocadas a temas como a comercialización en liña dos estabelecementos e destinos turísticos, aos coñecementos sobre posicionamento SEO ou optimización da páxina web, así como ao deseño do Plan de Empresa. A aceleradora finalizará coa presentación final dos proxectos participantes na Demo Day.