Comeza o San Froilán: Polbo infalible no Camiño Primitivo


Por segundo ano consecutivo, semella que non haberá casetas de polbo á feira, no San Froilán lucense. Non se atreveron a puxar os hostaleiros pola concesión debido aos lóxicos temores que xera esta imprevisible pandemia que aínda padecemos.

Faltará polo tanto un dos elementos diferenciadores desta festa patronal que Cunqueiro recoñecía como a máis fermosa do outono galego, cuxo orixe se remonta a 1754 e que cando menos dende o século XIX adoptou o polbo á feira como o seu buque insignia.

Porque fronte á teoría de que o polbo tería sustituido máis recentemente ás tradicionais anguías do Miño como prato estrela da feira, Teresa Penas e Fernando Arribas posiciónanse en contra no seu libro “O Polbo no San Froilán de Lugo”, no que alegan que xa nunha data tan lonxana como 1846 hai constancia de veciños do barrio de San Roque solicitando a construcción de casetas con teitos de palla, probablemente para non mollarse mentres vendían o pulpo.

Pouco terían que ver os postos ambulantes daqueles tempos coas modernas casetas que hoxe coñecemos, popularizadas a partir dos anos sesenta. Pero si tiñan unha particularidade que agora, por casualidades do destino, nos vemos forzados a recuperar. Porque segundo a historiadora María Pilar Rodríguez Suárez, autora de “250 anos das feiras do San Froilán", naquela época os veciños e visitantes da feira acudían aos postos con recipientes de barro para levarse o pulpo á feira para a casa ou para onde puidesen degustalo a gusto.

Un take away decimonónico que este ano poderemos reproducir, porque aínda que non haberá casetas sí poderán instalarse caldeiros a pé de rúa nos restaurantes, para que lucenses, visitantes e peregrinos chegados polo camiño primitivo poidan levar o polbo para comelo onde guste. Aínda que por suposto, os que vaiamos de visita quizais prefiramos buscar un bo restaurante, que non nos faltarán, onde montar a nosa propia feira.  Consulta o programa completo en sanfroilan.info para gozar das festas de forma segura.