Tal e como salientou no acto o vicepresidente de Acruaga e presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando, esta acción formativa evidencia a aposta que o eido do viño, do augardente e dos licores tradicionais galegos realiza pola formación continua tanto para xerentes e propietarios de adegas como para traballadores.
En total, este programa oferta 25 prazas que foron todas cubertas. “Adecuar a formación ás necesidades das empresas, require dunha rigorosa análise para poder establecer unha axenda concreta, que dende Acruaga perfilaremos e cuxo desenvolvemento pode achegar importantes beneficios para todos, dotándoos dun maior desenvolvemento das súas capacidades”, destacou García Pando durante o acto de inauguración do curso.
Xunto a isto, contribuír a mellorar a competitividade e a internacionalización das empresas vitivinícolas galegas, e tamén do sector do augardente e dos licores tradicionais constitúe outro dos obxectivos deste programa, a cargo da Galicia Business School. “Para lograr que as nosas adegas medren e desenvolvan o seu negocio a nivel internacional é necesario contribuír, dende a base, a profesionalizar a súa xestión. Neste sentido, este curso achegará ferramentas para capacitar ao empresariado do sector a xestionar os seus negocios profesionalmente, desenvolver accións de promoción exterior e definir e elixir estratexias gañadoras que fagan máis competitivas as súas empresas e reforcen as suas marcas de viño”, concluíu García Pando.