Ampliación do nivel de ocupación dos albergues públicos ata o 75%

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de autorizar a ampliación do nivel de ocupación dos albergues públicos ata o 75% ao entender que se trata dunha medida “idónea” tendo en conta as características destes establecementos, onde “persoas que non teñen que formar parte da mesma unidade de convivencia” comparten espazos en lugares pechados. 

Na resolución xudicial, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG entende que a exhibición do certificado covid non se pode entender como “un sacrificio desproporcionado” tendo en conta que o uso dos albergues é voluntario, e que o feito de que neles se xunten “persoas sen relación entre si e que poden proceder de diferentes lugares e países” con diferentes taxas de vacinación fai preciso “establecer medidas adicionais de salvagarda da saúde” para poder incrementar o nivel de ocupación. Polo tanto, como xa fixera antes coa hostalería, o TSXG considera que a petición do certificado covid nos albergues é unha medida “proporcionada, necesaria e idónea”

Unha vez obtida a autorización xudicial, o Diario Oficial de Galicia publicou tamén hoxe a ampliación da porcentaxe de ocupación dos albergues, medida que entrará en vigor ás 00.00 horas de mañá sábado. Deste xeito, a partir de agora os albergues do Camiño de Santiago poderán ocupar o 75% das súas prazas sempre que os usuarios exhiban o certificado que garante a súa vacinación ou que teñen pasado a covid. No caso de grupos de conviventes, os albergues xa podían facer uso da súa máxima capacidade. 

A Xunta amosa a súa satisfacción pola decisión do TSXG que avala as medidas adoptadas pola Administración autonómica para garantir a saúde e a seguridade dos turistas en xeral e dos peregrinos en particular.

O certificado covid nos albergues é unha garantía máis, como o seguro coronavirus ou as normas aplicadas en Galicia no marco da campaña Galicia Destino Seguro, que foi quen de convencer aos visitantes ata o punto de ser a comunidade autónoma que liderou a recuperación turística neste verán e de ser quen tamén de reactivar o Camiño de Santiago coa chegada de máis de 143.000 peregrinos que selaron a Compostela no que vai de ano, superando así as previsións da Xunta para todo o ano.