Acádase o obxectivo de 140.000 peregrinos que se marcara a Xunta

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou a chegada do peregrino 140.000 deste ano e subliñou que as boas cifras do Camiño de Santiago son un éxito colectivos de todos: “De hoteleiros, hostaleiros, albergueiros, voluntarios, tecido asociativo e galegos en xeral que contribuíron a que a mensaxe de Galicia Destino Seguro chegara a toda España”.

Coa entrega hoxe da Compostela 140.000 do ano -o número real de peregrinos é maior porque non todos piden o certificado-, acádase o obxectivo que se marcara a Xunta, que era o de chegar a esas cifras ao remate do ano. Alfonso Rueda salientou que lograr ese fito tres meses antes confirma o acerto da aposta do Goberno galego pola reactivación do turismo nun ano aínda marcado pola pandemia no que se invitou a camiñar a Galicia “con sentidiño” e respectando sempre as restricións sanitarias. “Houbo xente que nos dicía que nos esquecéramos deste primeiro ano do dobre Xacobeo e que nos centráramos no 2022. Dixemos que non e apostamos forte por recuperar o turismo xa no 2021, e acertamos”, subliñou o vicepresidente primeiro.

O vicepresidente primeiro recoñeceu que se trataba dun éxito “por riba das nosas expectativas” que avalaba a potencia do Camiño de Santiago, un éxito que Rueda atribuíu a toda sociedade galega, especialmente aos hostaleiros e hoteleiros que sufriron as consecuencias da pandemia e que en todo momento colaboraron para cumprir e facer cumprir as normas sanitarias.

Os datos acadados no verán polo turismo en Galicia confirman non só a recuperación do Camiño de Santiago, senón tamén o acerto das medidas tomadas para a reactivación do sector, o que favoreceu que a temporada pechara con datos históricos e que a comunidade liderara os rexistros turísticos de toda España. “En agosto foi a única comunidade que recuperou as cifras de antes da pandemia”, subliñou Rueda.