Aberto o prazo de inscrición para o VI Boucatise e as II Xornadas Territorio Atlántico - Reserva da Biosfera


O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos organizará o 4 e 5 de decembro o VI 'Boucatise. Festival do Bocata Gourmet' e do 6 ao 19 de decembro a segunda edición das 'Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico - Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo 2021' que se caracterizan por utilizar produtos quilómetro cero da contorna da cidade.

O Festival do Bocata Gourmet realizarase no Mercado de Santo Agostiño a primeira fin de semana de decembro de 12h a 17h e caracterizarase por ofrecer as creacións máis enxeñosas da man dos hostaleiros coruñeses ademais de ser un excelente escaparate para a demostración dos seus produtos.

Esta cita culinaria continuará sendo un evento onde conviven tradición e novas tendencias gastronómicas, tanto na elaboración como nos produtos e que busca apoiar ao sector da restauración da cidade, a posta en valor do produto local e fomentar a variedade gastronómica de A Coruña así como potenciar os mercados como espazo de referencia para a celebración de eventos relacionados coa gastronomía.

Por outra banda, as xornadas gastronómicas Territorio Atlántico teñen como obxectivo establecer sinerxias entre restauradores coruñeses, produtores da reserva e consumidores, promovendo unha alimentación saudable e sostible coa implicación dos establecementos de restauración da cidade da Coruña no emprego dos produtos km0, de tempada e ecolóxicos.

Con iso, o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña busca poñer en valor e promocionar o desenvolvemento agrícola, a seguridade alimentaria, a nutrición, a Dieta Atlántica, a produción sostible de alimentos e a conservación da biodiversidade. En definitiva, unha aposta polo territorio, os profesionais locais e as persoas, que permita dar resposta á preocupación e sensibilidade cada vez maior dos consumidores, que buscan propostas máis sostibles.

Para inscribirse no Boucatise, os establecementos interesados deberán enviar o formulario de solicitude que se atopa en boucatise.coruna.es antes do 2 de novembro (inclusive) ao enderezo boucatise@gmail.com. O límite é de 13 establecementos, dos que 10 son locais destinados a hostalaría e 3 máis especializados en oferta doce ou café.

Ademais, para participar nas Xornadas adicadas á Reserva da Biosfera, os establecementos hostaleiros que o desexen, deberán enviar a súa solicitude á oficina técnica ao email territorioatlantico@singulae.es antes do día 2 de novembro ás 14h. Poden atopar as bases co formulario de solicitude na web territorioatlantico.es.

Os establecementos participantes deberán ofrecer un menú, prato ou proposta gastronómica na que o produto da Reserva de Biosfera sexa o protagonista. Tamén poderán participar ofertando maridaxe con viños da zona e/ou cervexas de Estrella Galicia. O límite de establecementos participantes será de 20.