A gastronomía coruñesa encandilou no Fórum Gastronómico de Barcelona


O programa de showcookings co que a área de Turismo da Deputación da Coruña participou no Fórum Gastronómico de Barcelona rematou na xornada de hoxe con degustacións ofrecidas por Pepe Senande da Muradana de Muros, Montserrat Santos de Casa do Tella de Portosín, Manuel Pérez de Casa do Selmo de Urdilde, Manuel Abelleira de Casa Abelleira de Ames e Paco Moar de Casa Pena de Moeche.

Durante os tres días de Fórum, a Deputación da Coruña ofreceu un programa con seis showcookings a cargo de cociñeiros e cociñeiras representativos dos xeodestinos da provincia que esgotaron todas as prazas para participar e que suscitaron un gran interese tanto entre o público xeralista como entre medios de comunicación e plataformas especializadas.

Neste contexto, o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira asegura que "esta Feira non só demostrou o interese pola gastronomía galega senón que estamos vendo que o público se sorprende con esta nova maneira de facer alta cociña, ligando o produto ao territorio e introducindo parámetros de sustentabilidade".