A exposición do XV Premio Ksado chega ao Museo do Pobo Galego

O vindeiro xoves, 14 de outubro ás 19h nun acto aberto ao público, será inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición das series gañadora e finalistas do XV Premio Ksado de Creación Fotográfica da Deputación da Coruña.

No acto de apertura estarán presentes o gañador desta edición, o leonés José Manuel López Pérez, que será o encargado de guiar a visita pola súa colección "Atrapados ás portas de Europa", na que retrata o drama das persoas que foxen dos países de orixe debido ás guerras, a fame e a pobreza. Tamén estarán presentes algúns dos finalistas, como o ourensán Baris Lorenzo que presentará a súa colección sobre o impacto da pandemia. Na inauguración tamén intervirán o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, e o comisario do premio, Xurxo Lobato.

Convén lembrar que nesta edición do Premio Ksado, o xurado elixiu como gañador o traballo presentado por José Manuel López Pérez, composto por unha colección de imaxes que crean un relato visual sobre a viaxe das persoas refuxiadas a través das montañas de Bosnia. As coleccións finalistas, nesta XV edición do premio, están compostas por "Tempos de pandemia" presentada por Brais Lorenzo, que narra este momento histórico que estamos a vivir a nivel mundial; "Horizonte de area" de Javier Atienza sobre o exilio do pobo saharauí; "Morrer de soños" de Clemente Bernard sobre os desaparecidos na guerra civil; "Estrada descoñecida" de Jesús Caballero sobre as paisaxes da decadencia e o abandono; "Segunda pel" de Miguel Gómez Muñiz, unha serie de retratos que relacionan o ámbito profesional e privado das mulleres mariscadoras; e "A esmorga" de Jesús Madriñán, que retrata o universo da mocidade de festa na madrugada.

A colección "Atrapados ás portas de Europa" foi seleccionada, de entre as 65 coleccións que se presentaron ao premio, pola implicación do autor "nun momento histórico con imaxes de puro carácter documental do que está a ocorrer na problemática dos refuxiados", segundo recollía o ditame do xurado, no que tamén se facía fincapé na "capacidade de narración visual de grande calidade técnica ao servizo do tema, unha cor sobria, no límite da percepción, que axuda a comprender mellor o que está ocorrendo nas imaxes".

José Manuel López Pérez (León, 1971) é un fotógrafo independente especializado en documentar temas relacionados cos conflitos e a inxustiza no mundo. Tras estudar fotografía na Escola de Artes e Oficios de Oviedo, traballou como fotógrafo durante 11 anos en "La Crónica de León", xornal local da súa cidade onde estivo até 2009.

Como fotógrafo freelance traballou en Afganistán, Irak, Palestina, Irán, Kosovo, Haiti, Guatemala, Nagorno-Karabakh,Venezuela, R.D. Congo, Urania, Siria, Somalia e Sudán do Sur entre outros. O seu traballo mostrouse en exposicións tanto individuais como colectivas e premiado en distintas ocasións entre as que cabe destacar "Fujifilm Euro Press Photo Awards", "UNICEF Photo of the Year Award", "International Photography Awards", "Marco Luchetta Award" e nomeado para "Magnum Foundation Emergency Fund" entre outros.