A Coruña organizará a Asemblea Nacional do Spain Convention Bureau 2022


O Consorcio de Turismo da Coruña recolleu este venres en Donosti o testemuño para celebrar o vindeiro ano na cidade herculina a XXV Asemblea Nacional do Spain Convention Bureau. O concelleiro de Turismo do Concello da Coruña e presidente do Consorcio de Turismo, Juan Ignacio Borrego, agradeceu a confianza depositada na cidade para acoller dito evento asegurando a hospitalidade coa que se recibirá os representantes do sector MICE en maio de 2022.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a través do concelleiro de Turismo, fixo chegar á asemblea celebrada en Donosti a súa satisfacción por acoller o vindeiro ano este evento e comprometeuse a amosarlles unha cidade preparada e ilusionada por recuperar os eventos MICE que axuden a restablecer a economía da nosa cidade.

Na XXV Asemblea Nacional do Spain Convention Bureau, alcaldes, concelleiros e representantes de Conventions Bureaus de toda España debaterán a súa estratexia común dentro do sector do Turismo MICE.

O Spain Convention Bureau é unha rede de 57 destinos de reunións e eventos constituída no seo da Federación Española de Municipios e Provincias. Nestes destinos acóllese o 80% da actividade congresual e de eventos de toda España.