240.000€ para preparar a candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal perante a UNESCO


O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o presidente da Asociación para a xestión do Xeoparque Cabo Ortegal e alcalde de Valdoviño, Alberto González, formalizaron o convenio mediante o cal o ente provincial destina 239.943 euros para as actividades deste proxecto. O obxectivo fundamental é o de levar a cabo as actuacións imprescindibles para a defensa da candidatura do Xeoparte perante a UNESCO.

Na sinatura estiveron presentes os alcaldes e alcaldesa dos sete concellos que forman parte da Asociación do proxecto: o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pomar, o de Cerdido, Benigno Galego Castro, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, o de San Sadurniño, Secundino García, e o de Cedeira, Pablo Moreda, ademais do de Valdoviño, Alberto González.

Tras a sinatura, Xosé Regueira explicou que a sinatura deste convenio chega "logo de ter traballado ao longo de tres anos na preparación do proxecto e de presentarnos incluso á candidatura, polo que agora toca asinar esta achega económica que ten que servir para dar pasos en firme e facer máis forte a candidatura". Tamén indicou que "sobre todo estamos moi contentos de sacar adiante un proxecto participado por diferentes administracións locais e que estutura todo o territorio, que diversifica un produto de tipo turístico pero tamén de promoción económica das propias empresas que residen neste territorio".

Por último o vicepresidente tamén fixo referencia ao obxectivo de "contar coa certificación da UNESCO a partires das accións que se van ir levando a cabo desde a Asociación para a xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, e creo que non vai ser só un bo produto para o territorio de Ortegal senón que vai ser un bo produto para toda Galiza que é do que se trata".

Pola súa banda, o acalde de Valdoviño, Alberto González manifestou o "agradecemento á Deputación polo compromiso que ten acadado co proxecto do Xeoparque de cara a dinamizar o territorio, e entendemos que este convenio é un avance importante que vai supoñer continuidade e, sobre todo, un punto e seguido moi importante no seu desenvolvemento".

Convén lembrar que o convenio asinado esta mañá fora aprobado en sesión plenaria na Deputación o pasado venres e que ten por finalidade levar a cabo accións que vinculen a riqueza xeolóxica, paisaxística e ambiental co desenvolvemento económico da comarca.

Neste sentido, o proxecto Xeoparque Cabo Ortegal está orientado a desenvolver iniciativas de desenvolvemento territorial sustentable que impliquen a protección e conservación do territorio, a promoción do desenvolvemento económico, social e ambiental nestes concellos, e o fomento do turismo, especialmente o vinculado á natureza e á atención aos valores xeolóxicos, así como ao turismo cultural, sempre dentro dun marco de sustentabilidade.