Volve o Festival Revenidas cunha ampla oferta de actividades paralelas

O Festival Revenidas volve instalar o seu recinto no porto de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa, para despregar do 9 ao 12 de setembro un cartel de 15 concertos, ademais dunha ampla oferta de actividades paralelas. Para esta edición, que repite o seu formato adaptado á situación sanitaria, o encontro arousán volve contar co apoio da Xunta a través da marca FEST Galicia para a promoción da nosa Comunidade como destino musical seguro e de calidade, que inclúe o patrocinio do escenario Xacobeo 21-22.

O Revenidas é, así mesmo, un dos 19 eventos subvencionados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade na convocatoria para festivais profesionais de música, que este ano introduciu unha serie de modificacións para facilitar a adaptación dos encontros ao contexto sanitario.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou a organización do festival na presentación desta edición, que tivo lugar este mediodía no Fogar do Pescador de Vilaxóan e na que tamén participaron os representantes do resto de entidades colaboradoras, ademais de contar coa actuación da cantante cambadesa Pauliña.

Incremento dos fondos para festivais

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade fixo fincapé no compromiso económico e institucional do Goberno autonómico cos principais festivais de música galegos, para os que incrementou os fondos no marco do seu Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19.

Neste sentido, explicou que as dúas principais vías de apoio da Xunta neste ámbito suman este ano un orzamento de 840.000 euros. Dunha banda, a través de FEST Galicia, que se reforzou cun investimento de 500.000 euros, un 25% máis que en 2020, para patrocinar os 14 festivais adheridos. Doutra, mediante a devandita convocatoria de subvencións a festivais de música, que se retomou este ano tras ser suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas distribúe outros 340.000 euros entre os 19 encontros beneficiarios.

Jacobo Sutil referiuse tamén á programación preparada polo festival, que segue sendo referente na súa aposta pola música en galego en combinación con referentes da escena musical estatal. Así, polo escenario Xacobeo 21-22 pasarán Los Rastreadores, Tanxugueiras e Verto o xoves 9; Laura Lamontagne & Picoamperio, Ciudad Jara e Los Chikos del Maíz o venres 10; A Rabela, Talko Maskerade e Boyanka Kostova o sábado 11, e Monoulious Dop, Zoo e Mounqup o domingo 12. Pola súa banda, nas sesións vermú da fin de semana actuarán A Banda da Loba, Guadi Galego e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. 

Ao tempo, o Revenidas desenvolve unha ampla oferta paralela centrada na gastronomía, na cultura mariñeira e no circo, ademais de recuperar tras dous anos os concertos a bordo da embarcación tradicional O Chasula. Nela tocarán Pauliña, Dakidarría e Xiana Andrea, da Banda da Loba, o sábado, mentres que o domingo será a quenda para Jásper e Nébeda, Sofía Espiñeira e Leo e Arremecaghoná.