Vangarda en todas as vertentes da Lite Edition do WOS Festival

Durante toda a fin de semana O WOS Festival x SON Estrella Galicia  celebra a súa Lite Edition, para a que conta cun dobre apoio económico da Xunta. Dunha banda, a través da marca FEST Galicia para a promoción da nosa Comunidade como destino musical seguro e de calidade, e doutra, como un dos 19 eventos adxudicatarios das subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a festivais profesionais de música.

Ademais, a Cidade da Cultura de Galicia colabora un ano máis co encontro compostelán como unha das súas sedes, onde ested venres se desenvolverá o programa de conferencias WOS Talks x FEST Galicia e as sesións do dúo alemán Driftmachine e do DJ coruñés Fatfish. Incorpora esta edición unha nova programación en localizacións naturais baixo a denominación WOS Goes Green.

Compromiso económico e institucional

As dúas principais vías de apoio da Xunta suman este ano un orzamento de 840.000 euros. Así, FEST Galicia reforzouse no marco da celebración do Xacobeo 21-22 cun investimento de 500.000 euros, un 25% máis que en 2020, para patrocinar os 14 festivais adheridos. Ademais, este ano retomouse a devandita convocatoria de subvencións a festivais de música, que tivo que ser suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas distribúe outros 340.000 euros entre os 19 encontros beneficiarios.

Nesta oitava edición, o WOS Festival mantén a súa esencia como encontro para as músicas e artes de vangarda en todas as súas vertentes. Deste xeito, o seu cartel de concertos presenta un amplo abano de proxectos ambient e minimalistas, entre os que xunto a Driftmachine, destacan artistas internacionais como a estadounidense Eartheater, o kenyano KMRU ou o veterano pianista ucraíno Lubomyr Melnyk.  

Pola súa banda, o apartado de cinema proxectará a película Sisters with Transistors, de Lisa Rovner, e a estrea en España de Delia Derbyshire: The Myths and the Legendary Tapes, de Caroline Catz, coa presenza de ambas as directoras, mentres que os programas de balde Talks e Goes Green están orientados á reflexión e ao pensamento sobre a Internet dos bens e a importancia da ecoloxía urbana. 

Espazo de debate no Gaiás

No marco do WOS Festival, a Cidade da Cultura acollerá tamén un ano máis as WOS Talks x Fest Galicia, un espazo para o debate e o pensamento, onde dar luz e xerar interrogantes sobre o presente e o futuro dos artistas, a cultura e o mundo ante a chegada do chamado “Internet dos bens”, capaz de alterar calquera contexto ao seu paso, e dentro dun ano que re-definiu as nosas vidas e nos levou á reflexión ante os cambios de paradigma.

Os faladoiros das WOS Talks queren pescudar que é utópico e que é real, debatendo arredor da cultura e a súa distribución con tres faladoiros centrados en Artistas 3.0, Cultura 3.0  e Metaversos 3.0. Todas elas estarán moderadas por Cora Novoa e Frankie Pizá e contarán con destacados relatores como o DJ, manager musical e axente de booking en Primavera Sound, Arnau Sabaté; B-Flecha, nome artístico da produtora, compositora e cantante viguesa Belén Vidal, que leva máis dunha década conxugando a vangarda sonora e o instinto pop.

Todo o programa das WOS Talks é de balde, previa retirada de convite, que pode facerse a través de ataquilla e as páxinas web da Cidade da Cultura e do WOS Festival.