Técnicos da EVEGA avalían os danos do pedrazo en O Ribeiro


A Xunta despregou técnicos da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) pola zona do Ribeiro na que se rexistrou onte un episodio de sarabia, co fin de realizar unha primeira avaliación provisional dos danos e de asesorar aos viticultores e adegas afectados.

Estes profesionais encargaranse de orientar aos produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas.

Neste sentido, a Evega advirte que cómpre adoptar medidas preventivas coa aplicación de bioprotectores ecolóxicos sen prazo de seguridade ou de baixo prazo, para previr e frear no posible a evolución dos danos nos acios e sen que afecte á hixiene da colleita. Trátase de minimizar a incidencia de doenzas nos acios, a causa deste episodio adverso.

Ao tempo, por parte da Consellería do Medio Rural lémbrase aos produtores que poden acollerse á orde de axudas que convocou o Goberno galego en xaneiro pasado para fomentar os seguros agrarios.