Son do Mar, un roteiro teatralizado que percorre preto de 80 kilómetros de costa Ártabra

O pasado e presente do mundo do mar e a pesca nos territorios do GALP Golfo Ártabro Sur puxéronse en valor na presentación celebrada da II edición de Son do Mar, un roteiro teatralizado que percorre os preto de 80 kilómetros de costa entre Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña e Arteixo.

O evento contou coa participación de Alberto García Castro, presidente do GALP Golfo Ártabro Sur, e Alejandra Pérez Márquez, alcaldesa de Bergondo; así como con representación por parte da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. 

O director creativo deste proxecto audiovisual realizado pola agrupación Alentía Teatro e organizado e financiado polo GALP Golfo Ártabro Sur, Afonso García Penas indicou que Son do Mar pretende afondar nos retos e desafíos continuos que os galegos e galegas do mundo do mar atopan no seu día a día. Tamén busca poñer en valor o carácter das zonas costeiras, tendo presente a súa tradición e cultura, coidando o litoral e o fondo mariño. Deste xeito, inquire nas artes de pesca selectivas e menos daniñas co medio, o custo e valor dado aos produtos pesqueiros, o relevo xeracional e a adaptación desta sapiencia tradicional aos mercados actuais. En resumo, en palabras do director, “Son do Mar é unha celebración da xente do mar e todo o seu mundo”. 

Trala presentación, o elenco asistente escenificou un fragmento desta historia audiovisual de 15 capítulos, que destaca o patrimonio mariñeiro dos sete municipios que pertencen a este grupo de acción do sector pesqueiro. 

Acceso á memoria mariñeira

A personaxe que vertebra a historia é o emigrante retornado Ramón Boutureira. Despois de case 70 anos en Nova York volve á súa vila natal para ir contemplando en primeira persoa os cambios acontecidos nos lugares, na xente e nos costumes que el coñecía de cando transportaba mercadorías co seu pai.

Todas as persoas que desexen realizar esta viaxe pola historia mariñeira do territorio, poden acceder aos 15 vídeos que conforman o II Roteiro Son do Mar a través da canle de Youtube do GALP Golfo Ártabro Sur