Show coocking basado no recetario das irmáns Mendoza para celebrar o Día Internacional do Turismo


Deputación celebrará o Día Internacional do Turismo, mañán luns 27 de setembro, co "acto máis potente que se vai organizar en Galicia". Terá lugar ás 12.30 e consistirá, tal e como detallou a presidenta Carmela Silva, "nun innovador formato de showcooking que incidirá na historia e cultura da provincia e no que imos poñer en valor a tradición local, o produto autóctono, a nosa excelente gastronomía e ás e aos profesionais que fan posible que aquí se vivan experiencias únicas".

O acto concentrará a chefs embaixadores da provincia de Pontevedra, así como a restaurantes e sumillers distinguidos co selo de calidade do SICTED. A gran novidade é que o showcooking tomará como referencia os receitarios das irmás Mendoza, Concepción e María ( antigas propietarias do Palacete), para "actualizalos ao século XXI".

Neste proceso a Deputación de Pontevedra contará con chefs embaixadores das Rías Baixas como Iñaki Bretal (Eirado da Leña, en Pontevedra, estrela Michelin) que preparará "merluza en salsa" e Casa Solla (Poio, estrela Michelin) que elaborará "biscoito de chocolate palacio". Tamén con Marcos Cerqueiro e Iago Pazos (Loxe Mareiro, en Vilagarcía, distintivo SICTED) que farán "cup condesa", con Natalia Guzmán (O Refuxio de Merza, en Vila de Cruces, distintivo SICTED) que se encargará da "sopa de hortalizas", con Elisa (Mamá Lela, en Cerdedo-Cotobade, distintivo SICTED) que preparará "lomo con pementos" e con Carlota Iglesias (Cabanas, Lalín, co distintivo SICTED) que seleccionará viños da DO Rías Baixas.

Está previsto que se dean cita no showcooking representantes de asociacións de hostalería, aloxamento, guías e viaxes, así como profesionais do turismo e bloggers turísticos. Amais, todas as receitas que reinterpretarán as e os chefs que van participar no showcooking formarán parte dunha páxina web específica que terá tamén información sobre a historia do Palacete das Mendoza e das irmás Mendoza, María e Concepción.