Seis novos audiovisuais no marco do programa "Pontevedra, plató de cinema"


Co obxectivo de impulsar o cinema producido na provincia, e promocionar o territorio ao través do sector audiovisual, a Deputación deu luz verde aos novos patrocinios de producións enmarcados no programa "Pontevedra, plató de cinema", que xa puxo en marcha o pasado ano. Son seis os filmes para os que neste 2021 xa se aprobou o apoio, cun investimento de 60.000 euros, aínda que o prazo para solicitalo segue aberto. De feito, a institución destina este ano ao programa un total de 90.000 euros, e o prazo de presentación para estes patrocinios non remata ata finais de ano ou se esgote o crédito.

En concreto, trátase de catro longametraxes e dúas curtas. No caso das primeiras, figura Valentina, da produtora Valentina la Película AIE (Abano Producións), que recibirá 15.000 €, longametraxe de animación consistente nun musical especialmente dirixido ás crianzas, dirixido por Chelo Loureiro. Tamén foi subvencionada coa mesma cantidade a longametraxe Matria, de Matriuska Producciones SL, que vai dirixir Álvaro Gago e estará protagonizada por María Vázquez, Santi Prego e Iolanda Muiños. Como destacou a presidenta, trátase dunha película co foco posto na promoción da igualdade, tanto no seu tema como na composición dos equipos técnico e artístico, cunha porcentaxe de máis do 50 % de mulleres.

Por outra banda, para San Simón, da produtora Miramemira SL / Morelli Producciones, concedéronse tamén 15.000 €. Estará dirixida por Miguel Ángel Delgado e conta cun elenco coral con actoras e actores non profesionais. E o filme Cando toco un animal, de Sétima Produtora (Sétima Sociedade Cooperativa Galega) recibirá 9.000 €. É a primeira película do realizador Ángel Filgueira protagonizada por Lidia Veiga, Ánxela Ríos e Xulio Besteiro.

No caso das curtametraxes, son Carraxe, de Queima Studio, que recibirá 3.000 € e estará dirixida por Muriel Pernas, que tamén asume o guión, e que en principio prevé a participación de Mabel Rivera e Celso Bugallo; e Sandwich Cat, de animación, da Produtoras: Gaita Films & Dixital Monster Collective, que terá unha achega de 3.000 €. A dirección e o guión desta curta para todos os públicos son de David Fidalgo Omil.

"Destinamos estes recursos –destacou a presidenta Carmela Silva– para que esta provincia se converta nun plató de cinema. Estamos tan de moda nas Rías Baixas que hai moitas produtoras que están a gravar na provincia, particularmente na cidade de Pontevedra e Vigo pero noutras moitísimas contornas. E isto ten un enorme valor. Desde a Deputación queremos promover o audiovisual galego, porque ten un elemento de promoción do noso territori0, e porque ademais é unha aposta clara pola cultura. O audiovisual é unha industria potentísima onde a provincia de Pontevedra ten que estar presente". A presidenta provincial lembrou que entre os requisitos do programa, figuran que os proxectos sexan en galego, que promovan e melloren a visibilidade da provincia e que teñan escenarios na provincia (ao menos o 50 % do total).