Segunda gran limpeza de fondos mariños da Coruña

O vindeiro domingo 26 de setembro entre as 10 e as 14 horas, máis de 100 mergulladores participarán na segunda gran limpeza de fondos mariños da Coruña , que se levará a cabo entre a zona da Dársena da Mariña e o Castelo de Santo Antón, unha zona de paseo habitual que en 2022 contará cunha área de baño aberta á cidadanía. Organizada polo Festival Mar de Mares, sen dúbida será unha espectacular acción civil a favor dos mares desenvolvida no corazón da cidade. 

Foron invitados a participar todas as escolas de mergullo da Coruña e en total participarán máis de máis de 100 mergulladores. Para Rubén Lucas, Coordinador da limpeza de fondos mariños (Buceo Galicia) “seguramente non sacaremos tantos residuos como en 2019 pola zona na que faremos a limpeza, mais agardamos que teña un efecto sensibilizador”.

Esther Fontán, Concelleira de Medio Ambiente, sinalou que “na Coruña, o mar é a nosa vida. Foron moitas as catástrofes que sufrimos na cidade, Prestige, Mar Egeo, Urquiola, que nos fixeron darnos conta da riqueza que nos rodea. Mais hai unha da que non somos conscientes, a catástrofe diaria e a falta de respecto de non ver o que somos capaces de lanzar ao mar. Non é unha cousa tirada ao mar, son millóns todos os días”.

A primeira gran limpeza de fondos da Coruña organizada en 2019 contou coa participación de cen persoas voluntarias. En total, se recolleron máis de 6 toneladas de residuos e nos obxectos máis salientables se atoparon cadeiras de cafetería, mobles ou un carro de supermercado.