´Remake´do recetario das irmáns Mendoza para celebrar o día Internacional de Turismo na Deputación de Pontevedra


Pasado e presente da gastronomía da provincia uníronse esta mañá no acto especial da Deputación de Pontevedra para festexar o Día Internacional do Turismo. Cinco chefs reinterpretaron no Pazo provincial receitas das irmás Mendoza, mulleres adiantadas ao seu tempo e moi comprometidas coa vida cultural e a sociedade pontevedresa de finais do século XIX e principios do XX. 

A degustación tivo como obxectivo facer un recoñecemento a todo o sector turístico da provincia. "Somos o destino turístico máis potente de toda Galicia e un dos máis potentes do Estado. Temos un sector privado comprometido, serio, que arrisca, que traballa pola calidade e que non se rendeu durante a pandemia", enxalzou a presidenta Carmela Silva, acompañada pola deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e polo director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey.

Marcos Cerqueiro e Iago Pazos, de Loxe Mareiro (O Carril, Vilagarcía de Arousa), deron a súa propia sinatura ao "Cup Condesa" das irmás Mendoza, mentres que Natalia Guzmán (O Refuxio de Merza, Vila de Cruces) reinterpretou a "Sopa de hortalizas". Pola súa banda Iñaki Bretal (Eirado da Leña, Pontevedra) fixo o propio coa "Pescada en salsa", Elisa (Mamá Lela) actualizou o "Lomo con Pementos" e José Bértolo de Casa Solla pechou o menú cun "Pastel de chocolate palacio". Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas acompañaron a degustación, que contou cunha gran representación do sector. Responsables do Clúster de Turismo, Feprohos, Aviturga, Festivais Rías Baixas, os CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio, Ruta da Sidra, produtoras e produtores participaron no acto, conducido pola sumiller Carlota Iglesias (Cabanas, Lalín).