Presentación dos proxectos aprobados na última convocatoria do Galp

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo-A Guarda pon en marcha dúas sesións informativas para presentar os proxectos aprobados na última convocatoria de axudas. O Edificio Virgen del Carmen do Porto de Vigo acollerá ambos encontros, nos que tamén participarán promotores do ano pasado para compartir os resultados das súas iniciativas. A primeira xornada celebrarase este venres, día 3, ás 17:00 horas e a segunda o próximo luns, día 6, ás 18:00 horas.

O evento de mañá estará dedicado aos proxectos produtivos e nel participarán unha ducia de iniciativas, entre as deste ano e o 2020. Entes elas, as de Pesciro S.L.U. ou Frigoríficos de Vigo S.A. que teñen como fin a dixitalización e a automatización de procesos, a de H.Q. Seaweed coa que se introducen novos procesos na produción, comercialización e distribución das algas mariñas ou as de Estancias Pintans S.L.U., Navis Siren S.L., Glamping do Mar S.L. e José Jacinto Acuña Sotelino que propoñen servizos de aloxamento turístico ligados á cultura mariñeira. Tamén presentarán os seus proxectos as Confrarías de Pescadores Virxe do Carme de Arcade e a de San Juan de Redondela, Cíes Artesanais S.Coop Galega, Mariscos Islas Cíes S.L.U e Tierra y Mar Multiaventura S.L.

Por outra banda, os proxectos non produtivos reuniranse na sesión do luns. Entre as 13 iniciativas atópanse a do Real Club Náutico Rodeira de Cangas, que busca poñer en valor a riqueza da Ría de Vigo e impulsar a presenza das mulleres nos deportes náuticos, a do Concello de Baiona, que consiste na creación dun espazo de cooperación, discusión, formación e divulgación de referencia da economía azul dende a perspectiva da cunca atlántica, ou a da Asociación San Xerome Emiliani que aposta pola formación e capacitación en proxectos de economía circular vinculados ao sector pesqueiro da comarca do Baixo Miño. Así mesmo, os concellos de Moaña, Vilaboa e Nigrán, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), as Confrarías de Pescadores San Xosé de Cangas, San Juan de Redondela e a de Vilaboa, o Club Náutico de Cobres, TK Kite Club Cesantes e a Asociación Mar Seguro de Galicia tamén darán a coñecer os seus proxectos.

Nova convocatoria de axudas

A Consellería do Mar habilitou unha nova convocatoria de axudas FEMP 2014-2020 para este ano. O prazo para presentar as candidaturas está aberto ata o vindeiro 17 de setembro. Os proxectos deben encaixar dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) e desenvolverse nos municipios da área de influencia do GALP: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Para máis información as persoas interesadas poden contactar coa entidade nos teléfonos 986 35 81 09 e 646 87 31 06 ou no correo electrónico galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal.