Presentación do XI Festival Peregrinos Musicais


O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Santiago na presentación do XI Festival Peregrinos Musicais  -que se celebrará desde este sábado e ata o domingo 19 de setembro- coa programación de máis dunha ducia de concertos de música sinfónica e que inclúe un concurso no que competirán seis intérpretes internacionais seleccionados entre máis de 40 músicos de todo o mundo que terán un premio final de 1.000€.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu aos organizadores a “aposta decidida dos últimos anos” por fomentar e divulgar a música sinfónica e “consolidar un certame que é xa un indispensable da axenda cultural de Galicia”, indicou. Neste sentido, cualificou como “unha oportunidade” a preparación conxunta entre músicos novos de distintas orixes que supón este festival por contribuír ao intercambio cultural e tamén educativo, expresou.

Este ano, organízase tamén un concurso e a Xunta de Galicia impulsa o premio en metálico de 1.000€ e o recoñecemento do público, xa que participará activamente nas galas do festival e actuará como solista acompañado pola Real Filharmonía de Galicia.  

Entre todos os participantes, o xurado de Peregrinos Musicais seleccionou a seis finalistas que competirán na fase final do concurso que se celebrará estes días coincidindo co festival. Os intérpretes convidados serán Alexandre Arurtyunyan (violín), procedente de Portugal; Bastian Uhlig (clave), de Alemaña; Xurxo Morales (saxofón), de España; Emma Naegele (cello), de Países Baixos, e Sira Pellicer (saxofón) e Alberto Sanz (violín), procedentes de España. A programación completa pódese consultar na páxina oficial do festival.