Prescriptores británicos coñecen o Camiño Inglés e o de Fisterra - Muxía "in situ"

A Deputación da Coruña impulsa o Camiño Inglés e o de Fisterra - Muxía cunha viaxe para prescriptores de Reino Unido e Irlanda, coa que busca dar a coñecer este itinerario máis aló das fronteiras galegas. O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, recibiron esta mañá no Pazo Provincial aos participantes na iniciativa, que se está a desenvolver nestes días.

Na andaina, organizada pola Deputación en conxunto coas oficinas de Turismo de Turespaña situadas en Londres e Dublín e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, están a participar persoas que traballan no fomento dos camiños e da peregrinación, tanto en Reino Unido como en Irlanda.

"Recibirvos aquí é sinal de que o traballo que estamos a levar a cabo está dando os seus froitos", indicou González Formoso no encontro. "A vosa visita permite que se tracen novas vías de colaboración entre administracións e entidades galegas, británicas e irlandesas, todas cun obxectivo común: impulsar este itinerario de peregrinación nos diferentes territorios", remarcou.

Pola súa banda, o deputado provincial Antonio Leira agradeceu "a vosa participación nesta iniciativa de familiarización na que agardamos que descubrades todos os recursos que ofrecen tanto o Camiño Inglés coma o de Fisterra - Muxía e que poidades transmitilo nas vosas confraternidades, concellos, empresas e público xeral". Así pois, con esta iniciativa preténdese amosar como se xestionan os camiños na provincia, así como fomentar sinerxías co fin de atraer ao público anglosaxón a descubrir o Camiño na provincia coruñesa.

O equipo que está a realizar os itinerarios está conformado por Freddy Dowen, director xeral da Confraternidade de Saint James; Alex Brannen, director de Comunicacións en Reading UK; Robin Dorkings, membro da Confraternidade de Saint James & Saint James Way – UK; Frank Flanagan, de Boyne Valley Camino; Rosalyn Goulding, directora de coleccións no Museo ST Barbe e galería de arte en Lyymintgon; John Jones, xefe de Medio Ambiente do concello de Norfolk County; Joe Maguire, membro do Camiño Society de Irlanda; Tom Panagos, axudante de comunicación en Urban Mining Intnal; Ruth Robson, profesional con ampla experiencia no sector da cultura, tradicións e turismo; Martin Skelly, axente de viaxes de Navan Travel; Keith Taylor, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Finchale; e Michael Walsh, membro executivo do Camiño Society de Irlanda.

A viaxe de familiarización, entre o 8 e o 12 de setembro, permitiulles coñecer as paisaxes, arquitectura, cultura e gastronomía de Ferrol, Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Ordes, Oroso, Santiago, Ponte Maceira, Dumbría, Muxía ou Fisterra. A Deputación dará continuidade a este programa de promoción cunha segunda viaxe, na que xa está a traballar, e que estará dirixida a turoperadores, aos que se achegará aos produtos turísticos relacionados co Camiño da Santiago.