Os roteiros culturais da Deputación de Pontevedra arrancan o domingo con todas as prazas esgotadas


A edición 2021 dos Roteiros Literarios e das Rutas de Arquitectura da Deputación de Pontevedra revalidan a súa excepcional acollida de anos anteriores e arrancarán o vindeiro domingo, 12 de setembro, co cartel de completo para as 225 prazas ofertadas. As rutas literarias se desenvolverán ata o 1o de outubro cun total de cinco sesións noutros tantos concellos, mentres que os sábados será a quenda das catro rutas arquitectónicas, que comezarán o día 18 e finalizarán o 9 de outubro.

Os Roteiros Literarios son desenvolvidos pola Deputación desde o ano 2017 en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e percorren cidades e vilas que son escenario ou que inspiraron obras literaria. Este ano chegarán a Vigo, Moaña, Salvaterra, Silleda e Pontevedra, ofertáronse 125 prazas e terán como guías a autores e autoras que toman como base obras propias ou alleas ambientadas nos respectivos espazos.

Por outra banda, as Rutas de Arquitectura, que a Deputación puxo en marcha para difundir o patrimonio da provincia en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes, volverán percorrer desde o sábado 18 de setembro os pazos, mosteiros, as construcións civís, castrenses e relixiosas da provincia, con catro itinerarios que pasarán por dez concellos e para os que xa se esgotaron hai días as 100 prazas.