O Museo de Pontevedra pechou agosto co mellor número de visitas dos últimos 10 anos


O Museo de Pontevedra pechou no mes de agosto o mellor dato de visitantes estivais dos últimos dez anos. O número de visitas ás instalacións provinciais chegou a case 42.000 persoas (41.869), o que supera en máis de 2.500 a cifra máxima acadada no mesmo mes de 2011, cando se contabilizaran 39.335 persoas.

O récord de visitas, segundo explica o director Xosé Manuel Rey, vén consolidar os bos resultados do Museo, que foi incrementando a afluencia nos últimos meses para no mes de xullo situarse xa en cifras prepandemia: con 22.591 persoas foi tamén o mellor mes de xullo dos últimos cinco anos. Para o director, estes datos supoñen unha satisfacción, xa que confirman o atractivo da institución tanto para turistas como para locais grazas ás exposicións e ás actividades programadas.

Rey explica que o Museo busca un crecemento sostido sempre garantindo e incrementando a calidade na experiencia da visita para todo o público. Subliña que a evolución do Museo en número de visitas no mes de agosto foi de 39.335 persoas en 2011; 36.691 en 2012; 16.263 en 2013; 16.656 en 2014; 7.500 en 2015; 30.503 en 2016; 34.226 en 2017; 9.354 en 2019 (coincidindo co peche das Ruínas por labores de mantemento); 24.572 en 2020, coa pandemia; e finalmente 41.869 este 2021.

"Hai que ver agora como se porta este mes de setembro, para o que xa estamos a notar un movemento significativamente menor no primeiro día, que non vai chegar á cifra mínima diaria de 1.200 persoas que se contabilizou en agosto", subliñou Rey, quen deu tamén o dato de que o día de maior afluencia foi o 5 de agosto, coincidindo coa inauguración da exposición ‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla'.

En canto á procedencia das e dos visitantes individuais do mes de agosto, o 38% foi de procedencia galega -sobre todo da mesma provincia de Pontevedra-, seguida de turistas estatais (44%) poñendose á cabeza Madrid, Andalucía e Cataluña –con cifras moi parellas-, Comunidade Valenciana e País Vasco, e seguidas por lugares moi diversos do resto do Estado. No relativo aos visitantes internacionais, un 7%, houbo procedencias moi variadas, destacando en primeiro lugare e por esta orde Francia, Portugal, Estados Unidos, Italia, Alemania e Países Baixos.