Pontevedra incorporará á trama urbana máis de 12.000 metros cadrados coa adquisición de Santa Clara


O convento de Santa Clara, en Pontevedra, será moi pronto propiedade pública. A compra dos máis de 12 mil metros cadrados de superficie que ten este gran elemento do patrimonio histórico pontevedrés entra na súa recta final, un feito que, por dimensións, sería comparable a incorporación da Alameda á trama urbana da cidade a mediados do 1800 segundo Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio Histórico e Urbanismo. 

«A operación está sendo realizada segundo o programado, nun prazo curto, froito da experiencia e solvencia do equipo municipal, ademais da boa vontade da orde das Clarisas para que o lugar pase a mans públicas», sinalou Moreda. «A documentación administrativa xa está lista e o vindeiro luns irá á Xunta de Goberno».