O Circuíto de Golf TUR 43 plataforma promocional para os produtos galegos de calidade

 


A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, está a promocionar os produtos agroalimentarios galegos de calidade no I Circuíto de Golf TUR 43 – España Verde, un evento deportivo que se está a celebrar estes días con probas nas comunidades autónomas do País Vasco, Asturias e Galicia.

Este certame deportivo, que tamén conta co apoio da Vicepresidencia primeira a través de Turismo de Galicia, busca consolidar ao norte de España como un destino de referencia para as persoas que practican este deporte e, ao mesmo tempo, promocionar os alimentos de calidade de cada rexión, o Xacobeo e o Camiño do Norte a Santiago; así como o turismo a través da promoción desta práctica deportiva, que en Galicia conta con máis de 10.000 deportistas federados, un mercado moi interesante para a nosa comunidade pola súa capacidade de desestacionalizar a nosa oferta turística.

Neste senso, o propio director da Agacal, José Luis Cabarcos, desprazouse ata Oviedo para presidir un acto no Gran Hotel Las Caldas Villa Termal. Alí, reuníronse máis dunha trintena de empresarios e distribuidores do mundo da restauración e da gastronomía para degustar e comprobar a calidade dos produtos galegospremiados nas diferentes catas que organiza aConsellería do Medio Rural, tanto a de viños, augardentes e licores como a de queixos e meles.